A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este mércores a presentación da I Velada Noite de Guerreiras do boxeo feminino galego. A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, acompañada da deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, participación na presentación deste evento que se celebrará este sábado 5 de xullo no ximnasio La Vieja Escuela de Vigo a partir das 19:30h. A velada xa ten entradas á venda por 15 euros -en La Vieja Escuela- e conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Deporte Galego.
Na presentación, a vicepresidenta provincial lembrou que “o deporte é unha área estratéxica para o noso goberno”, co obxectivo de “converter esta provincia no grande estadio deportivo do mundo” e prestando unha especial atención ao deporte feminino.
Este fito deportivo procura visibilizar e empoderar as mulleres no mundo do boxeo, unha disciplina na que a súa presenza segue a ser minoritaria, e crear unha comunidade diversa, forte e acolledora que reivindique o boxeo como espazo de igualdade, forza e autoestima.
Un evento histórico no boxeo feminino galego
A velada contará cunha primeira parte de exhibición, na que participarán mulleres de todas as idades (desde nenas, adolescentes até adultas que por idade non poden competir) para amosar técnica e sparring, e cunha segunda parte de competición de boxeadoras de toda a provincia que culminará no combate de Érika Cobas, a primeira muller que gañou un cinturón en categoría neoprofesional, cinturón que disputará nesta xornada.
Mulleres do deporte e cultura pola igualdade
Ademais da parte deportiva, esta velada busca ter un impacto social máis amplo en canto a igualdade,polo que participarán mulleres do deporte e da cultura da provincia de Pontevedra como a escritora, tradutora e tamén boxeadora María Reimóndez -quen participará nun dos combates de exhibición coa música de orixe palestina e boxeadora Najla Shami-, a actriz Marta Larralde, gañadora de dous Premios Mestre Mateo, e que actuará como speaker da velada, Lara Martínez, capitá do proxecto de fútbol feminino As Celtas ou Sarah Viéitez, loitadora profesional de artes marcíais mixtas.