Trátase dunha aposta persoal con moita forza visual, unha canción con fondo significado e unha historia contada en coidadas imaxes.
Con décadas de traxectoria como pandeireteira, Fransy González dá forma ao seu proxecto musical en primeira persoa co lanzamento de “Pequeniña”, un cantar melancólico de fondo significado que acompaña cun videoclip no que ela mesma é protagonista, xunto cun grupo de nenas. Con coidadas imaxes e un estilo que lembra á cinematografía, “Pequeniña” semella unha porta a un mundo onírico, a unha atmosfera vinculada á mitoloxía galega e a un conto con poder feminino no que todo é posible. A voz de Fransy enche esta emotiva historia en imaxes, que se move entre o salvaxe, o baleiro e o espiritual. “Pequeniña” xa está dispoñible en todas as plataformas.

Fransy avanza así no seu proxecto en solitario, un proxecto persoal logo de moitos anos de experiencia como cantareira, logo do lanzamento de ‘Manhe’, con temas como “Media leghua de camiño” e “Nin no mundo nin na terra”, que mostran a forza da voz e da pandeireta desta cantareira galega.