O título infantil masculino por equipos de XCO encabezou a colleita de podios en Tarazona de la Mancha.
A Selección de Galicia despediuse este domingo do Campionato de España Escolar 2025 cun balance de cinco podios, entre eles un título, e coa bagaxe dunha experiencia inesquecible para unha expedición que contou con 34 ciclistas das categorías Infantil e Cadete.
Os tres días de competición na localidade albaceteña de Tarazona de la Mancha arrancaron o venres co segundo de posto do coruñés Lucas Blanco na contra o reloxo individual cadete de 6,2 quilómetros. O ciclista dirixido por Jacobo Ucha, seleccionador autonómico de Estrada, cruzou a liña de meta da Praza Maior cun tempo de 7 minutos e 25 segundos. Ese rexistro bateuno por 12″ o gañador Aitor Mata (Navarra) e serviulle ao galego para proclamarse subcampión con 5″ de marxe respecto ao terceiro clasificado Cristian Manuel de Oliveira (Castilla y León).
Os últimos cadetes da nosa comunidade que pisaran o caixón nas probas sobre o asfalto do Campionato de España Escolar foran Manuel Rodríguez e Miguel Mera, ambos na edición do 2018 celebrada no municipio ourensán de Baños de Molgas.
Catro podios no XCO
A canteira do Cross Country Olímpico na nosa comunidade amosou a súa puxanza o sábado no circuíto de circuíto de Paraje del Carrasco. A Selección de Galicia de XCO revalidou o título por equipos Infantil masculino, os cuartetos femininos Cadete e Infantil obtiveron os subcampionatos e a cadete Nerea Soto conseguiu o mellor resultado no plano individual ao cruzar na terceira posición a liña de meta.
A carreira cadete femenina disputouse a catro voltas nun trazado de 2,2 quilómetros e ata os metros finais Nerea Soto pugnou pola segunda posición. A corredora ponteareá esprintou pola prata con Gisela Herrero e a representante de Castilla y León entrou por diante. Este dúo concluíu a 37 segundos da gañadora Laia Rodríguez (Catalunya).
Entre as dez primeiras tamén se clasificou Iris Santana, na novena posición. Xiana Seijo (14ª) e Carla Hermida (26ª) foron as outras dúas compoñentes do cuarteto confeccionado polo seleccionador Alberto del Río que logrou o segundo posto por equipos. A vitoria correspondeu a Catalunya e a terceira praza, á Comunitat Valenciana.
Ao máis alto do podio subiron os catro bikers da Selección de Breogán Infantil Masculina. Cunha actuación na que Mateo Hermida finalizou os tres xiros ao circuíto na sexta posición, Jose Manuel Rouco na oitava, Sergio Villaverde na 11ª e Hugo Rodríguez na 12ª, Galicia repetiu o éxito logrado o ano pasado en Avilés (Asturias). Catalunya, segunda, e a Comunidad de Madrid, terceira, escoltaron na entrega de premios á comunidade campioa de España.
Un segundo título acariciárono as infantís. A nosa Selección empatou no cómputo dos postos individuais ao remate das tres voltas coa Comunidad de Madrid, que se fixo co ouro ao contar nas súas filas coa vencedora individual Candela Martínez. A sétima clasificada Jimena Novo, a 14ª Lara Fernández, a 15ª Marta Utrera e a 37ª Uxía Giráldez recibiron as medalla de prata. O conxunto anfitrión, Castilla-La Mancha, quedou cos metais de bronce.