O BNG de Muxía denuncia o estado de accesos a praias e lugares, que causa “indignación” entre veciñanza e visitantes

Mercé Barrientos manifesta que “levamos tempo insistindo aos diferentes gobernos na necesidade de elaborar un plan municipal de mantemento ou, alomenos, de facer labores de mantemento periódicas.

O BNG de Muxía denunciou o estado de acceso a praias e lugares do municipio, de enorme valor paixasístico que, por falta de mantemento, resultan un perigo para os usuarios. Algúns exemplos son a baixada á praia de Borreiros e as pasarelas de Area Maior e á de acceso a persoas con mobilidade reducida da Cruz, que son competencia da Xunta desde o 1 de xullo. Os nacionalistas indicaron que “ou están podres, sen reparar, impracticables desde a súa instalación ou con duchas inservibles».

O BNG sinalou que os accesos a praias como a da Barreira, a de Lourido ou a de Vilaverde “están tamén co firme en mal estado e a maioría dos accesos a areais seguen sen rozar, con vexetación que dificulta a visibilidade”.

En xullo de 2024 a formación nacionalista de Muxía xa denunciara o estado de abandono das praias, lugares e áreas recreativas do concello, subliñando que non se puxera remedio á situación, que causaba indignación entre a veciñanza, hostalaría e visitantes polo deterioro que experimentaran nos últimos anos.

Vivenda ruinosa e limpeza

Para o BNG, outra cuestión que tamén está esquecida é a de actuar nos casos de vivendas en estado ruinoso.  “Denunciamos o estado dunha vivenda en plena praza de Quintáns que leva anos supoñendo un risco para calquera que transite pola beirarrúa; ao estar a fachada tan deteriorada, corre perigo de derrubamento, especialmente o balcón, gravemente corroído e sen apuntalar, só rodeado por algunhas táboas podres e caídas que provocan unha imaxe lamentable”, afirmaron os nacionalistas, que lembraron que “despois de anos reclamando que se adopten medidas para evitar danos persoais ou patrimoniais polo estado da vivenda, de producirse unha desgraza será un caso de neglixencia, pois a situación foi notificada por escrito e tamén informamos no pleno municipal en distintas ocasións”.

O grupo nacionalista tamén denunciara hai un ano a falta de limpeza dos colectores de lixo e a súa colocación en lugares non apropiados. “A situación dalgúns deles non mudou e a veciñanza segue denunciando colectores de lixo adosados ás fiestras e galerías das casas, impedindo que poidan ventilar pola invasión de moscas e os olores. Tamén hai outros rompidos e vertendo lixiviados na rúa”, segundo indicou a voceira municipal do BNG, Mercé Barrientos.

A portavoz nacionalista incidiu en que “levamos tempo insistindo aos diferentes gobernos na necesidade de elaborar un plan municipal de mantemento ou, alomenos de facer labores de mantemento periódicas e de que se acometan estas tarefas coa previsión necesaria; para estes labores o BNG xa comunicou publicamente ao goberno municipal a súa dispoñibilidade a aprobar as medidas e partidas precisas, como fixo en anos pasados”.

Barrientos sinalou que “calquera goberno responsable poría en valor un patrimonio tan extraordinario como o que temos, mais segue a darse unha imaxe de abandono que non merecemos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios