O Partido Galeguista celebrou un acto de presentación no Hotel Mar do Norte do Grove o pasado sábado, 5 de xullo. A xornada centrouse nunha exhaustiva análise de cuestións fundamentais para o porvir de Galicia, destacando especialmente o medio rural, a situación económica, as oportunidades para a mocidade, a industrialización, o medio ambiente, a creación de emprego e a defensa da lingua galega.
O acto foi presidido polo presidente do Partido Galeguista, Xesús Manuel Suárez García, e contou coa intervención do secretario xeral, Francisco López Franco “Chesqui”. Ademais, o encontro contou coa presenza dos responsables das diferentes secretarías do PG, nun claro sinal de cohesión e traballo conxunto nesta nova etapa.
Durante a sesión, na que participaron afiliados, simpatizantes e veciños da comarca, abríuse un espazo de reflexión e diálogo co obxectivo de escoitar activamente as achegas da cidadanía. Nun ambiente construtivo, compartíronse propostas, inquedanzas e visións diversas, que o Partido Galeguista considera fundamentais para avanzar cara a unha Galicia máis xusta, cohesionada e con futuro.
No marco deste acto, o Partido Galeguista presentou tamén as súas novas ferramentas telemáticas, entre as que destacan a nova páxina web, as redes sociais oficiais e a sede en liña, deseñadas para facilitar o contacto directo coa sociedade galega, fomentar a participación cidadá e achegar a política aos fogares e ás persoas de todo o país.
A estratexia, maquetación e deseño tanto da web como das redes sociais foron elaboradas por D. David Martínez Manso, membro das Xuventudes Galeguistas, experto en Comunicación Corporativa e Responsabilidade Social, cun Ciclo Superior en Marketing, que compaxina as súas funcións profesionais co apoio activo ao Partido Galeguista.
O seu traballo estivo coordinado e supeditado ás directrices das secretarías correspondentes, concretamente á Secretaría de Análise Social, Sociodemografía e Medios Telemáticos e á Secretaría de Prensa e Relación cos Medios de Comunicación.
A súa participación reflicte unha clara aposta pola incorporación dunha nova ola xeracional de talentos ao servizo do pobo galego, que achega frescura, preparación e compromiso ao proxecto común.
Forman parte activa das Xuventudes Galeguistas outros mozos e mozas altamente cualificados, como:
- D. Óscar Cardoner Sebio, licenciado en filoloxía hispánica e xermanística pola USC.
- D. Martín Bea Garrido, empregado no sector áereo, fundador da iniciativa CrewNow entre outras actividades de emprendemento
Todos eles representan unha xeración formada, comprometida e con vocación de servizo público, chamada a revitalizar o galeguismo con ideas novas e unha mirada integradora.
Como mostra do seu compromiso coa proximidade e a escoita activa, o Partido Galeguista anuncia tamén a apertura dun novo domicilio en Santiago de Compostela, situado na Praza da Quintana nº3, onde todos os cidadáns e cidadás poderán achegarse para trasladar as súas opinións, propostas e preocupacións de xeito directo e persoal.
Escoitar
O Partido Galeguista adopta o lema «Escoitar» para subliñar a súa firme prioridade: coñecer as necesidades reais do pobo galego. A organización comprométese a converter cada unha desas voces en accións e políticas concretas, co único fin de servir á nosa terra.

O presidente, Manuel Suárez. O secretario xeral Francisco López Franco “Chesqui”, e os responsables das diversas Secretarías
Dende unha posición de responsabilidade histórica, o Partido Galeguista defende a necesidade de abrir un debate profundo e plural no que Galicia teña a palabra. Tal e como sucedeu noutras etapas históricas, asumimos o deber de garantir que Galicia e os galegos e galegas estean sempre por riba de calquera outro interese.
O acto clausurouse cun fermoso poema da autora Ana Vila, coñecida como «Poeta Labrega», que puxo o broche cultural e emocional a unha xornada marcada pola palabra, o compromiso e a esperanza.