Carme da Silva reclama medidas urxentes frente á situación “insostíbel” nas oficinas do SEPE pola falla de medios e persoal

“O Goberno debe actuar con urxencia. Non pode seguir ignorando unha realidade que prexudica gravemente as persoas desempregadas” defende Carme da Silva.

O Bloque Nacionalista Galego vén de trasladar ao Goberno do Estado a alarmante situación que atravesan as oficinas do SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) na Galiza, derivada da crónica falta de persoal e medios, así como polos múltiples fallos da nova aplicación informática ALMA, o que está a provocar atrasos inaceptábeis na tramitación das prestacións por desemprego.

A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra iniciativas en que demanda ao executivo estatal “a adopción inmediata de medidas que garantan unha atención digna á cidadanía”, logo de que a CIG cualificase de crítica a situación do SEPE na Galiza, con oficinas colapsadas, persoal insuficiente e unha ferramenta informática que “máis que modernizar, afonda nos atrancos”.

“As persoas solicitantes das prestacións están a sufrir unha situación de auténtica desesperación porque non conseguen cita previa en tempo e forma. Saben que teñen só 15 días para facer os trámites, mais o sistema está colapsado” denuncia da Silva.

A nova ferramenta ALMA, implantada para mellorar a xestión, está a producir o efecto contrario. Segundo alerta a senadora do BNG, “é unha aplicación incompleta, con constantes fallos técnicos, interrupcións e unha interface pouco intuitiva que duplica os tempos de tramitación e obriga ao persoal a revisar manualmente os expedientes”.

“O Goberno debe actuar con urxencia. Non pode seguir ignorando unha realidade que prexudica gravemente as persoas desempregadas que dependen destas prestacións para vivir” insiste Carme da Silva.

A situación é especialmente preocupante na Galiza, onde o SEPE perdeu 85 persoas empregadas públicas nos últimos catro anos, mantendo ademais 155 vacantes sen cubrir. “Hai oficinas como a de Tui ou Caldas de Reis que presentan taxas de vacantes de 43% e 50% respectivamente. É absolutamente inasumíbel” denuncia a senadora nacionalista, quen reclama unha reposición inmediata de persoal.

Ademais, o BNG demanda que se reintroduza a atención presencial sen a obrigatoriedade da cita previa, polo menos en casos urxentes ou con prazos curtos, para garantir que ningunha persoa quede sen acceso ao seu dereito ás prestacións por cuestións burocráticas ou fallos técnicos.

“O que debería ser un servizo público áxil e eficaz converteuse nun auténtico calvario para a xente. É obriga do Goberno garantir os medios e persoal necesarios para que o SEPE cumpra co seu cometido” finda.

Comparte éste artículo
No hay comentarios