A Lei Xeral de Comunicación Audiovisual cumpre tres anos e un día sen conceder unha soa licenza aos medios comunitarios de toda España

Hai medios que xa cumpliron 40 anos e a Democracia española segue sen avances siginificativos* CUAC FM está a escasos 8 meses de que se cumplan 30 anos dende que solictou por primeira vez (xa o fixo unhas cantas veces)* A inacción das administracións levou a expedientes sancionadores (fracasados por, precisamente, esa inacción)
O 8 de xullo de 2022 apróbase a vixente Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que viña reemplazar á lei homónima de 2010. Por segunda vez na historia da nosa democracia, as radios e televisións comunitarias eran recoñecidas, establecéndose un mecanismo de regularización da súa situación xurídica, en precario dende o 1978. Dito de xeito sinxelo, recoñecíasenos o dereito a ter licenzas de emisión que nos permitisen sair dun océano de incerteza legal no exercicio do dereito a comunicar, recoñecido no Artigo 20 da Constitución Española. Un dereito que despois da aprobación da Constitución foi rapidamente desenvolvido para medios comerciais e públicos, mais non para os medios sen ánimo de lucro xestionados directamente pola cidadanía, case sempre a través de Asociacións.

Pasaron tres anos e o número de licenzas concedidas continúa a ser de cero, ainda que as radios e teles comunitarias fixeron os deberes e presentaron a documentación requerida en tempo e forma, nos seis meses posteriores a aprobación da lei. Tres anos, e na práctica, nada mudou.
Pero en realidade son máis de 15 anos. O 31 de marzo de 2010 aprobárase a anterior Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Nela recoñecíase por primeira vez o dereito a existir dos Medios Comunitarios e establecía, adiviñade, un mecanismo de regularización da súa situación xurídica. Dito de xeito sinxelo, que tiñan dereito a unha licenza. Resultado: 15 anos despois e xa substituída pola lei de 2022, o resultado dos seus doce anos de vixencia deu un resultado de cero licenzas para as radios e televisións comunitarias. 

O balance xeral ven sendo que gobernos estatais de dúas cores políticas distintas fixeron do incumprimento da lexislación vixente unha práctica común. Non contentos con iso, varios gobernos autonómicos tentaron sancionar e pechar radios comunitarias nos últimos anos a causa de non ter licenza, en aplicación dos réximes sancionadores das leis que recoñecen o dereito desas radios a ter licenzas. Para iso algúns si que foron dilixentes na aplicación da lexislación. Dilixencia no recurte de dereitos, pasividade na consolidación deses mesmos dereitos, que dito sexa de paso, non son dereitos menores, senón dereitos fundamentais. 
O estado español non só incumpre a súa propia lexislación nesta materia, tamén se salta recomendacións de organismos internacionais coma a UNESCO, o Consello de Europa, ou mesmo o propio Parlamento Europeo, negando unha realidade, a dos medios comunitarios, que está plenamente consolidada na meirande parte dos países da UE, en Hungría non, claro. E con importante financiamento público xa que se recoñece o noso efecto positivo para a democracia e a convivencia.

En Cuac FM hai trinta anos que pedimos por primeira vez unha licencia. Respondeunos un Conselleiro da Xunta de Galicia, xa finado, que poderiamos ter acceso a unha de xeito «inminente». E ata hoxe. Dicía Gardel que 20 anos non son nada, pero trinta xa comezan a amolar un pouco. Durante estes trinta anos Cuac FM non deixou de loitar pola licenza á que ten dereito, e non está soa na loita. Toda a Rede de Medios Comunitarios leva dende a súa creación nesta mesma teima, percutindo día tras día, atopando organizacións aliadas no camiño, falando coa clase política, co funcionariado, con organizacións da sociedade civil… Non somos quen de imaxinar cómo tería sido a evolución do noso sector de emisoras sen ánimo de lucro se en vez de ter que adicar tempo e recursos a algo que debería ser case automático de lograr, dentro do espazo radioeléctrico existente, puidésemos ternos adicado a chegar a máis xente.
Este mes de xullo comeza en CUAC FM o programa 499 da nosa historia de vida sen licenza. Pero con dereito a tela, que non se esqueza. Somos medios totalmente legais e recoñecidos pola lexislación vixente, só falta o documento que así o ratifique.
________________________________

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios