Rueda anuncia a creación dunha oficina específica para apoiar e asesorar aos docentes, que empezará a funcionar ao longo do curso 25/26

Sinala que o Goberno galego está a traballar en favor dos servizos públicos, o autogoberno e a mocidade.

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a creación dunha oficina específica para apoiar e asesorar aos docentes, que empezará a funcionar ao longo do curso 25/26 como parte das medidas de reforzo da autoridade do profesorado.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento respondendo ás preguntas dos grupos parlamentarios, o presidente da Xunta afirmou que o seu goberno está a facer “cousas importantes” en favor dos servizos públicos, e que tamén traballa para ampliar as capacidades de autogoberno, mellorar as cifras de desemprego, a situación da vivenda e da xente moza.

Así, Rueda destacou que o Goberno galego, en materia sanitaria, aprobou este luns unha Estratexia de atención ás enfermidades raras, cun investimento de preto de 400 millóns de euros, segue ampliando o programa de cribado neonatal máis amplo de España ou baixando as listas de espera. No caso da dependencia, o presidente afirmou que, se ben hai que seguir mellorando as cifras, “o Plan de choque funciona” ao atender a case 13.000 novos dependentes no primeiro semestre de 2025, un 65% máis que no mesmo período do ano anterior. Grazas a isto, en Galicia hai xa máis de 84.000 dependentes atendidos.

Tamén durante a sesión de control, o titular do Goberno galego referiuse ás medidas adoptadas para mellorar a calidade educativa de Galicia, como baixar as ratios, ampliar a oferta educativa ou axudar a mercar material escolar. Ademais, anunciou a posta en marcha dunha oficina específica de atención ao docente “para informalo, amparalo e protexelo” en calquera situación de ameaza ou acoso que poida sufrir, tamén no eido dixital.

Comparte éste artículo
No hay comentarios