Ecoloxistas en Acción e Greenpeace recibiron este xoves en Vigo ao comisario europeo Costas Kadis e ao ministro Luis Planas cunha acción de protesta na que esixiron a permanencia das medidas de protección establecidas no ano 2022 para 87 zonas vulnerables de augas profundas de toda a UE, hábitats mariños extremadamente fráxiles. A concentración realizouse diante da sede da Axencia Europea de Control da Pesca, coincidindo coa chegada da comitiva oficial.
As organizacións ecoloxistas demandan que se respecte a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) do 11 de xuño de 2025, que confirmou a legalidade e lexitimidade do Regulamento da Comisión polo que se pecharon estas zonas de augas profundas ás artes de pesca de fondo polos seus posibles danos á biodiversidade bentónica. A mesma sentenza validou a metodoloxía científica do Consello Internacional para a Exploración do Mar, destinada a preservar os ecosistemas mariños vulnerables (EMV) dos danos irreversibles causados por determinadas prácticas pesqueiras destrutivas.
Segundo Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, as reunións previstas para os días 10 e 11 en Vigo, organizadas polo exdirector xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, agora integrado no gabinete do comisario Kadis, buscan reverter a decisión do Tribunal europeo, reabrindo a discusión sobre os peches e poñendo en cuestión un proceso baseado na ciencia, o dereito e a aplicación do principio de precaución.
Ana Freiría, licenciada en Ciencias do Mar e voceira da organización ecoloxista, declarou que “Basanta, xunto co lobby industrial e algúns eurodeputados españois, busca socavar a integridade do regulamento sobre o acceso aos fondos mariños, pero tamén a credibilidade da UE como líder mundial na gobernanza dos océanos e os propios compromisos internacionais de protección da biodiversidade mariña adquiridos polo Goberno español e a Comisión Europea”.
As organizacións ecoloxistas lembran que, tras dous anos de avaliación socioeconómica, o Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca non atopou probas concluíntes dun prexuízo económico xeneralizado causado polos peches, aínda que recoñece que, nos casos individuais nos que se demostre que o prexuízo foi significativo, pode estudarse a forma de compensar a devandita afección.
A reapertura destas zonas vulnerables á pesca industrial con artes de contacto de fondo supoñería unha emenda á totalidade da política de conservación mariña europea, tras lanzar hai apenas unhas semanas o Pacto Europeo sobre os Océanos na terceira Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, celebrada en Niza. As organizacións ecoloxistas consideran que é incoherente comprometerse coa conservación e restauración dos océanos en Niza e pretender desfacer o consenso científico e o marco lexislativo avalado polos tribunais, nunha visita a Vigo.
Ecoloxistas en Acción e Greenpeace tamén agradeceron a posibilidade que lles brindou o comisario de Pesca e Océanos de expresarlle directamente, nunha reunión con varias organizacións ambientais, a súa posición de apoio ás medidas encamiñadas á conservación dos ecosistemas mariños vulnerables.
“A reunión do comisario co sector pesqueiro é unha encerrona orquestrada polo exdirector xeral de pesca da Xunta, Antonio Basanta, coa pretensión de eludir o consenso científico e as decisións do Tribunal de Xustiza da UE e volver a esquilmar as zonas vulnerables. Protexámos os océanos se queremos que siga habendo pesquerías no futuro”, concluíu a voceira de Ecoloxistas en Acción.