O PP esixe a PSOE e BNG a reparación dunha ponte na LU-P-2405, en Guntín, ante o elevado risco de os vehículos caian ao río

Tanto Antonio Ameijide como Ángel Pérez coinciden na necesidade de que PSOE e BNG “se preocupen de verdade” polo mantemento da rede viaria provincial: “Ninguén entende que non se realice un traballo tan sinxelo como limpar as cunetas para evitar que a auga corra pola estrada, o que permitiría alongar a vida útil do firme das vías”.

O goberno provincial de PSOE e BNG segue a desatender a súa obriga de manter en bo estado de conservación a rede viaria provincial, sendo un novo exemplo deste abandono as estradas da Deputación ao seu paso por Guntín.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto ao alcalde da localidade, Ángel Pérez, revisaron o estado da rede viaria provincial neste municipio, poñendo como exemplo do “perigo” a LU-P-2405, que une Guntín con Entramasaugas, San Román e As Pardellas.

Un dos puntos máis perigosos, e que require dunha actuación urxente, é unha ponte en curva na que no caso de que se crucen dous vehículos hai “un elevado risco” de que un caía ao cauce do río xa que, na súa zona interior, está afundida, non hai ningún tipo de varanda nin elemento de protección. “Vemos como o perigo nesta vía é moi evidente, podendo caer os condutores ao regato que pasa por debaixo”, sinalou Ameijide.

Antonio Ameijide tamén pon sobre a mesa o mal estado de conservación desta vía, que precisa en varios puntos da renovación do firme, así como a renovación da sinalización, tanto horizontal como vertical. 

Pola súa banda, o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, reclamou o arranxo desta e outras vías, xa que “tanto PSOE como BNG deberían de ter unha maiorpreocupación polo mantemento da rede viaria provincial ao contar con máis recursos, económicos e técnicos para arranxar as estradas, mentres que os concellos temos que facer esforzos enormes para manter en bo estado a rede viaria municipal”.

Neste caso, o alcalde de Guntín explica que a LU-P-2405 precisa dunha actuación inmediata. “Hai moitos puntos nos que as cunetas son inexistentes polo que a auga corre pola estrada, dando o firme, polo que ninguén entende que un traballo tan sinxelo como limpar as cunetas para que a auga non dane as estradas e o firme non se realice”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios