A eurodeputada galega fixo de ponte entre Costas Kadis e a Plataforma Ulloa Viva e a PDRA para que coñeza as consecuencias da instalación de Altri.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo unha valoración da visita do Comisario de Pesca, Costas Kadis, a Galiza, e defendeu a necesidade de que Kadis fixera esta visita á “primeira potencia europea de pesca”, como é Galiza. Afondando nesta cuestión subliñou que precisamente a súa estancia “ten que servir para que Galiza sexa recoñecida en Europa como nación altamente dependente da pesca”.
“Está en Vigo o Comisario de Pesca Costas Kádis, que visita por fin Galiza, despois de que nós, como BNG, trasladáramos dende o minuto cero esa necesidade de que viñera á primeira potencia europea de pesca”, sinalou a eurodeputada galega, quen apuntou que para confeccionar a axenda se tiveron en conta parte das propostas realizadas polo BNG. Así, indicou que entre a serie de propostas trasladas figuran os encontros co sector marisqueiro, o sector mexilloeiro, o sector das mulleres, neste caso coa Plataforma Galega das Redeiras “O Peirao”, “porque é un colectivo que aínda non ten un recoñecementosuficiente”, así como unha reunión coa Comisión de Pesca do Parlamento Galego, que non foi aceptada.
Frear as políticas agresivas de Bruxelas
“Queremos que a visita serva para que cando escoite falar da pesca galega coñeza directamente de que se fala”, salientou Ana Miranda despois de participar en parte da axenda de hoxe, en concreto ao percorrido que tivo lugar na Ría de Vigo para que o Comisario coñecera as bateas. Para a eurodeputada do BNG, esta visita ten que servir para frear as políticas agresivas de Bruxelas, os recortes, as vedas e as imposicións e, sobre todo, a complicidade do goberno galego na falta de defensa do sector.
Segundo remarcou a eurodeputada galega, “se o Comisario despois das reunións que ten estes días, non ve que Galiza ten que ser unha zona altamente dependente da pesca, a visita non serviu para nada”. “Non pode ser que veña simplemente a ter reunións de despachos e que logo iso non teña unha consecuencia en fondos, en recoñecemento e non en multas e en afectación como é as vedas”, en referencia as 87 zonas de pesca afectadas pola decisión da Comisión Europea.
Por outro lado, Ana Miranda fixo de ponte entre o Comisario e a Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, para que estes colectivos lle puideran entregar un informe sobre as consecuencias da instalación da macrocelulosa Altri en Palas de Rei impulsada polo Partido Popular. “Se non é polo BNG e as plataformas, o Comisario non tería esta información de primeira man”, sinalou ao tempo que apuntou a repercusión que pode ter no sector marisqueiro, e en concreto na Ría de Arousa, “a ría máis produtiva de Europa”