O BNG esixe ao Goberno a cesión de inmóbeis procedentes da SAREB a Galicia e desenvolver unha política de vivenda efectiva

Néstor Rego critica a recentralización das políticas de vivenda e reclama a rectificación do executivo para que estes activos sexan cedidos ás administracións competentes.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas na cámara baixa co obxectivo de coñecer o estado dos inmóbeis que o Goberno transferiu da SAREB á SEPES e reclamar a rectificación do executivo ante a intención de recentralizar as políticas de vivenda. A organización nacionalista exixe a transferencia gratuíta de todos os inmóbeis provenientes da SAREB á Xunta de Galiza, Administración competente na materia, para que as incorpore ao parque público de vivenda.

Após o acordo do Consello de Ministros e Ministras de traspasar determinados activos da SAREB á SEPES como Empresa Estatal de Vivenda e Solo da Administración Xeral do Estado, a organización nacionalista rexistra iniciativas nas Cortes do Estado exixindo respecto competencial e colaboración institucional.

“O BNG reclama que as vivendas titularidade da SAREB se transfiran de forma gratuíta á Xunta da Galiza para a súa incorporación a unha bolsa de vivenda pública. As vivendas xa foron adquiridas con fondos públicos cando se produciu o rescate dos activos das entidades bancarias durante a crise inmobiliaria e financeira após o 2009, polo que son públicas e non ten sentido tentar recuperar os fondos doutras administracións cando non se lle exixiu ese pagamento aos bancos rescatados” defende o deputado nacionalista.

Para a formación nacionalista, non é entendíbel que o Goberno do Estado pretenda centralizar a xestión das políticas de vivenda e administrar directamente o aluguer social dos inmóbeis cedidos pola SAREB. “Por moito que o executivo pretenda disfrazalo de coordinación e colaboración, dos trámites iniciados non se desprende a intención ou a materialización de mecanismos” critica o deputado do BNG.

“Queremos coñecer cantos inmóbeis sitos na Galiza titularidade da SAREB serán transferidos á SEPES e cantos quedan en mans da SAREB. Do mesmo xeito, dos 2.400 chans e das 40.000 vivendas que a SEPES identificou como aptas ou potencialmente aptas, cantas se atopan na Galiza” subliña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios