Coa chegada do décimo aniversario do proxecto Guido Guía, o recoñecido divulgador e guía turístico lucense abrirá o sábado 9 de agosto, no seu barrio do Carme, un ciclo especial dos paseos guiados “O Lugo menos coñecido” que tanto éxito tiveron nos seus primeiros anos como guía autónomo. Falamos con el para que nos conte un pouco da súa nova iniciativa:
O sábado 9 de agosto arrinca o novo ciclo “O Lugo menos coñecido” co paseo guiado “Un barrio sen reloxo”. Que podemos agardar desta primeira actividade?
Persoalmente estou entusiasmado con este regreso ao Lugo menos coñecido. Foi a orixe de todo o meu proxecto, e por distintas razóns (principalmente outros proxectos que foron xurdindo estes anos) levaba tempo sen propoñer estes paseos que tanto me gustan. Anuncieinos hai dúas semanas, e neste tempo xa se inscribiron moitísimas persoas a todos os paseos, incluídos os de decembro. O primeiro, “Un barrio sen reloxo” vai ser moi especial, por esa enerxía de retomar todo isto, e por ser no meu querido barrio do Carme.
Van ser tres horas de paseo guiado, que lugares tes en vista percorrer?
No barrio do Carme teño feito paseos guiados ata de 5 horas. Dá moito xogo, pola inmensa riqueza histórica, natural e cultural que ten. Quen me coñece sabe que nunca levo un esquema pechado, vou adaptándome ao grupo, pero nas 3 horas do 9 de agosto seguro percorreremos tanto a parte alta como a baixa do barrio: rúa do Carme, Regueiro das Hortas, Calzada da Ponte… e todo o labirinto de camiños que hai nesta área tan especial de Lugo. Teremos tempo a falar de época castrexa, romana, sueva, medieval, contemporánea…
O ciclo “O Lugo menos coñecido” terá 9 máis paseos despois deste. Podes anticipar algo?
Nos 10 paseos que faremos percorreremos todas as zonas da cidade segundo os puntos cardinais (norte, nordeste, leste, sueste, sur, suroeste, oeste e noroeste) e unha gran parte dos barrios e zonas que estes abarcan. Os ríos e cursos fluviais (Miño, Rato, Fervedoira, Mera, Regueiro das Hortas) serán coma sempre eixos e grandes protagonistas, ao igual que a lonxeva historia da nosa cidade.
Que teñen que facer as persoas que queiran inscribirse nestas actividades?
Basta con escribirme a través das redes sociais ou ao correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com. O pago (8 € por persoa e diversos descontos por idade ou mercando bonos) pode facerse tanto de xeito anticipado como o propio día da actividade.