A Consellería do Medio Rural vén de publicar a resolución destas achegas, das que se beneficiarán 63 entidades, co obxectivo de apoiar o labor que realizan na posta en marcha de programas sanitarios e de planificación zoosanitaria.
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fan públicas as axudas concedidas ás entidades recoñecidas como Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), cunha dotación total de 2.280.00 euros. O obxectivo destes fondos é apoiar o labor que desenvolven estas entidades na implementación de programas sanitarios e de planificación zoosanitaria. En total, 63 ADSG serán beneficiarias destas axudas para o período 2025-2026.
As actuacións financiadas contribúen a mellorar as condicións hixiénicas das explotacións, favorecen o benestar animal, aumentan o nivel produtivo e sanitario e fortalecen a saúde da cabana gandeira galega.
O fin principal destas subvencións é avanzar na mellora do estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Por iso, no contexto do mercado actual, manter a salubridade animal resulta esencial para controlar determinadas doenzas, garantir a rendibilidade das explotacións e a comercialización dos animais e dos seus produtos.
Ademais, as ADSG xogan un papel clave no cumprimento da normativa vixente en materia de identificación, benestar e sanidade animal. Con estas achegas preténdese tamén fomentar a integración dos gandeiros nestas entidades, ofrecendo un apoio proporcional ao esforzo económico que realizan na posta en marcha e mantemento destes programas.