Esta iniciativa, que conta co apoio do Concello, ofrecerá espectáculos de alto nivel internacional de balde para a cidadanía.
A Coruña acollerá do 17 ao 20 de xullo a edición número 24 do Festival Manicómicos, unha iniciativa cultura a pé de rúa que inclúe unha coidada programación de espectáculos teatrais e circenses ideados para todos os públicos. «Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por iniciativas con experiencia e percorrido que dinamizan a nosa cidade estes meses de verán», indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Manicómicos presenta unha extensa e coidada programación para todos os públicos, como aperitivo perfecto previo ás festas de María Pita, con espectáculos de alto nivel internacional, e cun apoio incondicional ao circo galego. O Concello da Coruña apoia e colabora coa asociación cultural Manicómicos na realización deste programa de grande éxito todos os anos.
Haberá un total de 12 espectáculos abertos ao público en diferentes espazos da cidade como o paseo das Pontes, o Campo da Leña, a praza das Conchiñas, a praza de Pablo Iglesias ou a Casa das Ciencias. Ademais, o domingo 20 celebrarase a gran gala final no anfiteatro de Santa Margarida. Todas as actuacións son de balde.
A Asociación Cultural Manicómicos nace en xaneiro de 2004 na Coruña, promovida por un grupo de persoas con distintos niveis de experiencia nas artes escénicas e cun interese común: Investigar, estudar e difundir as artes escénicas e a comedia. Os seus obxectivos son a organización de cursos formativos para os seus asociados e para a cidadanía en xeral, que sirvan para un mellor coñecemento das diferentes técnicas actorais, así como a organización dun festival de teatro cómico de carácter anual na cidade, no que se poidan ver, xunto a novos artistas galegos, a primeiras figuras do panorama cómico internacional que ademáis imparten cursos durante o festival.