Organizada pola AELG coa colaboración do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e o Camões-Centro Cultural Português em Vigo.
O Festival terá lugar dentro da X Xornada da Sección de Literatura Dramática 2025, o domingo19 de outubro de 2025, no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña, entre as 10:00 e as 21:00 h., aproximadamente.
Convocatoria aberta a 7 proxectos de artes escénicas que utilicen textos en galego ou portugués, individuais ou colectivos, para un espectáculo en calquera das modalidades e xéneros das artes escénicas. Debe tratarse dunha peza ou proposta escénica que estea en proceso de creación/realización.
Un comité de selección, formado por Afonso Becerra, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro (TRC) da Coruña e Célia Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Português en Vigo (Camões–CCP em Vigo), baseándose en criterios artísticos, escollerá 4 propostas de Galiza e 3 propostas de Portugal, para ser (re)presentadas no VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal.
Unha vez (re)presentadas, as/os creadoras/es de cada proxecto deberán emitir un voto secreto polo proxecto que consideren mellor, excluíndo na papeleta de votación o seu propio. Estes votos e os do comité organizador e, se así o considerar, o da persoa convidada de honra, concederán o IV PREMIO VIII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2025, que consistirá na estrea da peza. É importante sinalar que, unha vez (re)presentados os proxectos, o xurado pode considerar que ningún deles reúne as características ou condicións necesarias e, por tanto, deixar o premio deserto.
O funcionamento deste festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos.Xusto despois, haberá un tempo complementario para unha breve análise, debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.
No breve debate posterior ás presentacións búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que pode servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabado desas pezas en proceso.
As (re)presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipa de dramaturxia considere máis axeitado. Para a selección do proxectos privilexiaranse aqueles en que as presentacións reforcen ou indaguen no escénico, máis do que na simple lectura dun texto.
Aínda que o nome deste evento é “Festival”, non contamos coas infraestruturas nin a capacidade de produción dun festival de artes escénicas ao uso. Neste caso trátase dun espazo diáfano, cunha luz xeral e con mínimas posibilidades no que atinxe a equipamento técnico. Tampouco hai tremoias nin persoal técnico ao servizo das (re)presentacións dos proxectos. Por tanto, é necesario que as/os creadoras/es amosen o seu traballo, ou o bosquexo do seu traballo, dentro das súas propias capacidades para facelo.
Condicións:
– Asígnase un orzamento total de 500 euros para cada proxecto seleccionado desde Galiza e 600euros para cada proxecto seleccionado desde Portugal, onde se entenden incluídos todos os custos (desprazamentos, etc.).
– Prazo para a presentación de propostas: 14 de setembro de 2025.
– A selección dos proxectos será realizada por parte da organización (Afonso Becerra de Becerreá, vogal da Sección de Literatura Dramática da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña; e Célia Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Português em Vigo (Camões–CCP em Vigo) en función de:
+ Descrición e formulación do proxecto.
+ Breve mostra da peza.
+ Currículum das/os dramaturgas/os.
Estes materiais deberán ser enviados en formato dixital, antes das 24 h. do 14 de setembro de 2025, a: oficina@aelg.org
– As/os creadoras/es seleccionados para (re)presentar os seus proxectos escénicos deben comprometerse a estar presentes durante toda a xornada que dura o Festival (dentro da X Xornada da Sección de Literatura Dramática 2025, o domingo 19 de outubro de 2025, no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña, entre as 10:00 e as 21:00 h., aproximadamente) e participar nos debates dos proxectos (re)presentados polas/os súas/seus colegas, de tal xeito que poidan, ao final da xornada, emitir o voto correspondente para o IV Premio VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal.
IV PREMIO VIII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2025
Ademais do orzamento asignado a cada proposta para a súa (re)presentación no VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal, un comité, formado polo Vogal de Literatura Dramática da AELG, Afonso Becerra, o director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez, Célia Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Português em Vigo, e, se así o considerar, a persoa convidada de honra, e contando cos votos das/os creadoras/es participantes, seleccionará unha das propostas para ofrecerlle a posibilidade de ser estreada. O xurado tamén podería decidir deixar o premio deserto se os proxectos (re)presentados non reunisen as características e condicións necesarias.