Amnistía Internacional urxe á Xunta a garantir unha acollida digna e sen partidismos para a infancia migrante de Canarias e Ceuta

 Amnistía Internacional enviou unha carta á conselleira de Política Social, Fabiola García, de cara á reunión da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, que se celebra este xoves 17 de xullo.

No escrito pide á Xunta que nesta reunión defenda seis medidas encamiñadas a garantir que se cumpran os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados  no seu traslado dende Canarias e Ceuta á nosa comunidade. Amnistía Internacional lamenta o anuncio da Xunta de opoñerse a esta repartición e da interposición dun recurso ante o Tribunal Constitucional respecto do Real Decreto Lei 2/2025 do 18 de marzo sobre medidas urxentes para a garantía do interese superior da infancia e a adolescencia ante situacións de continxencias migratorias extraordinarias.

Cómpre que a Xunta afaste a acollida digna da infancia migrante da disputa política e partidista, máxime nun momento en que Canarias acolle a máis de 5.800 nenos e nenas non acompañados/as, en recursos residenciais saturados e non adecuados”, declarou Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional (AI) en Galicia. AI documentou no informe «A día de hoy no tengo nada» os fallos do sistema en Canarias, como saturación nos centros, erros e mala praxe na identificación e xestión da súa documentación ou incluso malos tratos. Noutro recente informe sobre a situación de 400 nenos e 4 nenas en Ceuta, Amnistía Internacional denuncia as malas condicións nas que se atopan os centros nos que viven.

Nesta situación, debe garantirse o interese superior do menor e o seu dereito a ser acollido nunhas condicións dignas, que lle permitan acceder a documentación e protección internacional, así como a programas educativos que favorezan a súa transición á idade adultaTodas estas cuestións pasan por fortalecer o sistema galego de protección e humanizar modelo de acollemento, priorizando os centros máis pequenos ou as estancias con familias en lugar de macrocentros”, manifestou a voceira de Amnistía Internacional.

Recomendacións á Xunta co gallo da Conferencia Sectorial 

Para garantir que a Xunta cumpre coas súas obrigas en materia de dereitos humanos, Amnistía Internacional pide á Xunta que na reunión do xoves 17 de xullo asegure:

  1. A protección xurídica efectiva da  infancia migrante, incluída a garantía do seu dereito a pedir protección internacional e que non se vulnera o principio de non devolución. Calquera decisión que se adopte sobre estas persoas menores debe basearse no principio superior do menor.
  2. A identificación adecuada de todas as persoas menores e activación dos mecanismos de protección pertinentes, adoptando un protocolo  uniforme de determinación da idade para todo o Estado
  3. O seu dereito á documentación, á formación e itinerarios efectivos de integración.
  4. Información e mecanismos de denuncia accesibles e efectivos, así como investigacións exhaustivas de todos os casos de vulneracións dos seus dereitos e inspeccións periódicas dos centros.
  5. Adoptar tódalas medidas necesarias para combater o racismo e a discriminación. As autoridades e responsables políticos deben absterse de transmitir mensaxes e facer declaracións que criminalizan ou sinalan a todo o colectivo, xa que incrementan a vulnerabilidade ante violacións e abusos de dereitos humanos.
  6. Cumprir co principio de solidariedade e responsabilidade compartida entre as diferentes comunidades autónomas, cumprindo cunha repartición obrigatoria entre as mesmas
Comparte éste artículo
No hay comentarios