O BNG esixe explicacións e responsabilidades a Renfe pola xestión da incidencia do tren de media distancia entre Santiago e Vigo Urzáiz

Néstor Rego critica a falta de previsión e de información por parte da compañía ferroviaria e reclama investimentos para modernizar o parque móbil da Galicia.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar nas Cortes do Estado iniciativas para reclamar explicacións ao Goberno do Estado sobre a incidencia rexistrada o pasado venres, 11 de xullo, no tren de media distancia entre Santiago de Compostela e Vigo Urzáiz, que sufriu un atraso superior á hora debido a unha avaría técnica. O deputado do BNG, Néstor Rego, critica a falta de previsión e de transparencia por parte de Renfe e esixe medidas para garantir a seguridade e a calidade do servizo ferroviario na Galiza.

O tren afectado, que tiña prevista a súa saída da estación compostelá ás 8:33h, xa partiu con 15 minutos de atraso tras detectarse un forte ruído na maquinaria. A pesar do aviso, o convoi saíu igualmente da estación e acabou deténdose en Padrón debido á avaría. A pasaxe foi recolocada nun tren procedente da Coruña e, no caso das persoas que esperaban na estación de Pontevedra, trasladadas en autobús a Vigo.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifica a actuación de Renfe como «irresponsábel» e denunciou que «se obviaron sinais claros dunha posíbel avaría e permitiuse que un tren defectuoso partise coa pasaxe a bordo, poñendo en risco a seguranza da pasaxe».

“Resulta inxustificábel que, despois de detectar un forte ruído na maquinaria, Renfe decidise continuar coa marcha sen facer as comprobacións necesarias, e sen informar con claridade aos pasaxeiros e pasaxeiras do que estaba a acontecer” afirma Rego. “Non se trata dun erro puntual, senón dun modo habitual de proceder dunha compañía que ofrece servizos deficientes e sen garantías mínimas para Galiza”.

A formación nacionalista demanda que se esclareza cal foi a causa concreta da avaría e por que non se adoptaron medidas preventivas no primeiro momento. Así mesmo, exixe ao Goberno que depure responsabilidades pola xestión do incidente e que se mellore de forma urxente o sistema de información aos usuarios e usuarias.

“As persoas que viaxaban neste tren teñen dereito a saber por que non se lles informou en tempo real da situación, por que non se tomou a decisión máis segura e lóxica —non permitir a saída do tren desde Santiago— e que medidas se van adoptar para que non se repita” engade o deputado Rego.

O BNG destaca a necesidade de eliminar os continuos retrasos das frecuencias ferroviarias na Galiza, algo “habitual e diario na actualidade”, e reclama ao executivo pór en marcha un plan para mellorar a puntualidade na prestación dos servizos. Así mesmo, finaliza o deputado do BNG, tamén é preciso fornecer maior informacións á pasaxe sobre os tempos de atraso e as causas: “transparencia e claridade” sentenza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios