Este sistema permitiría comunicar de maneira áxil incidencias, danos ou desperfectos en beirarrúas, alumeado, espazos verdes ou parques infantís, mais tamén serviría para solicitar uso de instalacións deportivas ou consultar un directorio de todos os negocios de Valga
Os veciños e veciñas de Valga só teñen como única canle de comunicación co Concello o rexistro municipal e o contacto telefónico, aínda que este último non sempre resulta efectivo. Non se pode normalizar que, en pleno ano 2025, se teña que pedir audiencia en persoa co alcalde para que unha incidencia ou petición sexa resolta. Na actualidade existen canles de comunicación directas, como son as aplicacións móbiles, para que a veciñanza poida poñer en coñecemento do Concello aqueles danos que detecten en Valga.
A aplicación ‘Meu Concello’, unha ferramenta deseñada pola Deputación de Pontevedra, permitiría a comunicación, de forma áxil e directa, dos danos e despefectos detectados en Valga. Esta aplicación está dispoñible para descargarse na App Store de Apple e Google Play de Android de forma gratuíta, e unha vez instalada, calquera usuario xa podería comezar a comunicar calquera incidencia.
Para comunicar unha incidencia, dano ou desperfecto bastaría con picar sobre un botón e seleccionar as diferentes tipoloxías que aparecen na pantalla (beirarrúas, alumeado, espazos verdes, parques infantís, limpeza…), seleccionando aquela sobre a que se quere comunicar. Automaticamente a aplicación xeolocaliza a incidencia no mapa e o seguinte paso sería anexar unha foto e algún comentario sobre dita incidencia, para finalizar premendo o botón de enviar.
Unha vez enviada, o persoal do Concello recibiría notificación da incidencia, e a partir deste momento, iniciaríanse os trámites para darlle solución. O veciño, á súa vez, recibiría unha notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio de estado. Tamén se podería facer un seguimento da situación a través da aplicación. Outras opcións dispoñibles en dita aplicación sería a solicitude de uso de instalacións deportivas e locais municipais, a recollida de voluminosos porta a porta (mobles, colchóns…) ou incluso a realización de enquisas.
Esta aplicación tamén dispón dun apartado onde se podería crear un directorio, cos datos de contacto, de todas as empresas e negocios de Valga: hostalería, restaurantes, alimentación, comercio, farmacias, panaderías, talleres, asesorías, salóns de peiteado… Este tipo de directorios son moi útiles para promover o comercio local, facilitar a busca de servizos por parte dos veciños e fortalecer a economía local.
Por todo isto, o BNG de Valga proporá ao goberno municipal que o Concello de Valga comece a empregar a aplicación ‘Meu Concello’ para o seu uso como canle directa de comunicación entre os veciños e a administración, atendendo ás peticións da veciñanza de maneira áxil e dunha maneira acorde á época actual.