Unha discusión de parella na madrugada do pasado 15 de xullo nun edificio da zona norte de Lugo saldouse coa detención de ambos os membros da parella por agresións mutuas.
Unha patrulla da Policía Local acudiu de inmediato ao lugar tras recibir un aviso. Ao chegar, os axentes entrevistáronse coa muller, quen explicou que mantivera unha forte discusión coa súa parella. A muller presentaba negróns nos brazos e un hematoma na fronte, recoñecendo que as agresións foran mutuas.
Pola súa banda, o home, tras ser identificado, manifestou que durante o transcurso da disputa a súa parella lle mordera unha orella e o agredira con varios golpes. El recoñeceu que lle propinara unha puñada na fronte para defenderse.
Ante estes feitos, a Policía Local procedeu á detención de ambos os implicados. Foron trasladados inicialmente a un centro médico para recibir asistencia sanitaria e, posteriormente, a dependencias policiais, onde se instrúen as dilixencias correspondentes para o Xulgado
Delito contra a seguridade viaria
A noite do día 15 un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo, observa a circulación errática e irregular dun vehículo pola rúa Río Navia, xa que a súa velocidade era moi reducida e cando realiza a manobra de xiro á dereita para estacionar está a piques de chocar contra un vehículo estacionado.
Ao entrevistarse os axentes coa condutora, compróbase que CARECE do permiso de condución, estando acompañada polo titular do vehículo, manifestando que foi el mesmo quen lle permita conducir, instruíndose dilixencias contra a condutora por un delito contra a seguridade viaria e ao titular do vehículo instrúense tamén dilixencias en calidade de cooperador necesario para a realización do delito.
O Código penal establece para esta conduta unha pena de prisión de tres a seis meses.