Juan Carlos Gómez é arxentino. É bedel do Centro Galicia de Buenos Aires e leva 55 anos coidando do patrimonio que Alfonso Daniel Castelao legou ao Centro Ourensano. No mes de Galicia e no ecuador do “Ano Castelao”, é de xustiza facer un alto no camiño para coñecelo, renderlle homenaxe e agradecerlle o seu traballo para preservar a obra e os obxetos persoais dunha das figuras máis importantes do noso país.
O guardián do “Guernica galego” naceu hai 76 anos no “xardín da república”, nome co que se coñece a provincia de Tucumán pola sua frondosidade e porque alí se asinou en 1916 a acta de independencia da nación arxentina. Este home de mans labradas polo traballo e voz suave con sotaque de “provincias” xamais pisou a Galicia territorial, pero leva 55 anos coidando do cadro “A derradeira leición do mestre”, dos pinceis, da mesa de traballo, da máquina de escribir, das publicacións, das cartas, da máscara mortuoria e de todos os obxectos que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao legou ao Centro Ourensano de Buenos Aires.
Juan Carlos Gomez deixou a súa terra nos anos 70 con afán de progresar. Cando chegou á capital incorporouse á plantilla do Centro Gallego, que por aquel entón contaba con 1200 traballadores entre persoal médico, de enfermería, de administración e intendencia. Lembra que alí enlazaba quendas laboráis motivado pola ansia de medrar. “Ás veces entraba alí o luns e non volvía á miña casa ata o sábado”, di nunha entrevista na que fai repaso dunha vida de traballo para a colectividade galega. Do outro lado da avenida Belgrano estaba o Centro Orensano, onde o contrataron como caseiro e xunto á súa dona encargáronse de montar a primera sala cos cadros e os obxectos que Castelao deixara para a institución. “Era un orgullo” para eles amosar iso ás visitas, “o primeiro que facían era levalos a ver a sala”, remarca.
Fotografía de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao rodeado de persoalidades da colectividade galega de Buenos aires o día da doazón do cuadro “A derradeira leición do mestre” ao Centro Ourensano. En primeiro plano, o actor Fernando Iglesias “tacholas” e Maruxa Boga.
Cando os catro centros provinciais, o Orensano, o Pontevedrés, o Centro Lucense e o Coruñés, se fusionaron formando o Centro Galicia de Buenos Aires no ano 1980, Juan Carlos foi o encargado da mudanza de todo o patrimonio á primeira sede na rúa Belgrano e tamén anos despois, cando o centro se trasladou ao actual edificio na rúa Bartolomé Mitre. No terceiro andar desa sede social está a “Sala Castelao” onde se está o lenzo de grande formato que o galego pintou para lembrar o asesinato do seu amigo Alexandre Bóveda. Tamén están a mesa de debuxo que utilizaba o “guieiro”, os seus pinceis, a súa máquina de escribir e varias fotos de momentos simbólicos xunto ás máscaras mortuorias do seu rostro e da súa man.
“Ninguén apuñalou o cadro”, di para despexar a lenda negra que alguén soltou a correr por Galicia. Con gracia explica que no primeiro traslado, unha mala manobra contra un marco metálico rasgou a tela da emblemática obra de Castelao, que logo restauraron e permanece en perfectas condicións e pode ser visitada por todas as persoas que así o soliciten. Gómez estudou no que foi a cuna do ferrocarril sudamericano: nos talleres de Tafí Vello, onde adquiriu coñecementos en debuxo técnico e oficios nobres coma carpintería, ferrería e artes da construcción. Esa formación acompañouno sempre e serviu para que os restauradores arxentinos que traballan para a posta en valor de varios murais de cerámica pintados por Luis Seoane gabaran os seus coidados “de experto” á hora de retirar o cemento de cada peza e preservar durante décadas as maiólicas.
Facendo gala dunha memoria poboada e viva, asegura que acaba de rescatar dos fondos sen catalogar a foto do día en que Castelao doou “A derradeira leición do mestre” ao Centro Ourensano. Afirma tamén que hai anos recuperou dos arquivos unha pintura de pequeno formato á que chamaban “O gaiteiro” coa sinatura do ilustre galeguista para que se comprobase a súa autenticidade e que existe un amplísimo arquivo sonoro e de publicacións que él se encargou de recuperar dos centros provinciais e vén protexentodo das inclemencias e do paso do tempo durante décadas.
No horizonte do seu retiro, Juan Carlos Gómez só ten palabras de gratitude para as entidades que o acolleron e lle axudaron a sacar adiante á súa familia. Con orgullo, fala do seu neto, que estudiou no Colexio galego-arxentino Santiago Apóstolo, e sorrí ao contar que a viaxe de fin de carreira a Galicia do rapaz coincidiu no tempo coa exposición que amosou “A derradeira leición do mestre” na Cidade da Cultura en 2018. El non o dí, pero vese nesa mirada humilde a prestancia e o brillo que só poden dar a maxia e a xustiza poética do encontro entre dous mundos.
Mesa de debuxo de Castelao que pode verse na sala co seu nome no Centro Galicia de Buenos Aires
Máquina de escribir de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Publicacións catalogadas na Biblioteca Rosalía de Castro do Centro Galicia
Fonte. https://www.igadi.gal/investigacion/observatorio-das-diasporas/