Muxía Cultural ten preparado unha ampla programación polo Carmen entre os días 23 e 27 de xullo con concertos, charlas, xogos e proxeccións.
Muxía recupera este ano a Festa do Carmen, que se celebrará cunha completa programación cultural entre o mércores 23 de xullo e o domingo 27 de xullo. Haberá concertos, charlas, xogos, proxeccións e tamén se recuperará a tradicional procesión marítima coa participación dos mariñeiros da vila.
A festa da patroa dos mariñeiros e mariñeiras volverá a ser unha data marcada no calendario muxián. A Festa do Carmen levaba anos a esmorecer na vila e este ano recuperará a súa antiga forza con cinco días enteiros de actividades. O obxectivo é poñer en valor e evitar que se acabe por perder unha das festas máis tradicionais de Muxía.
Dende o mércores 23 de xullo e ata o domingo 27 de xullo Muxía celebrará o Carmen cunha programación que inclúe un coloquio cos mariñeiros da vila, unha exposición con imaxes do fotógrafo local Xesús Búa, o tradicional Xogo da Cucaña, concertos, e tamén a misa e procesión marítima.
Programación completa do Carmen en Muxía:
A programación comezará o mércores 23 de xullo coa charla “Memorias mariñeiras: a Muxía de onte”. Nela participarán mariñeiros e mariñeiras de Muxía que falarán de como foi este traballo tan importante para a vila. Será ás 20:00 horas na Lonxa de Muxía.
O xoves 24 inaugurarase a exposición “Homes e mulleres de sal e ferro” con fotografías de Xesús Búa. Ás 20:00 horas na Sala Gervasio Sar.
O sábado 26 será o día forte da programación, que se alongará dende o medio día ata a noite.
- A xornada comezará ás 12:00 horas no Malecón coa tradicional misa pola Virxe do Carmen e despois vivirase un dos momentos máis esperados da festa: a procesión marítima.
- Despois, ás 13:30 horas, haberá sesión vermú máis concerto de Monoulious Dop, e partir das 17:00 horas comezará o Xogo da Cucaña. Estará instalada na Rambleta e estará aberta a toda persoa que queira participar e pasalo ben.
- Á noite farase a proxección titulada “A Muxía de onte”, con fotos antigas ds vila. Unha ollada ao pasado para vercomo mudou Muxía nas últimas décadas.
- Para rematar o día haberá música e baile cos Boomers e Dj Mil. Será a partir das 22:30 horas no Malecón.
O domingo 27 despediremos a festa cunha sesión vermú con The Limboos na Praza Cabo da Vila.
Sobre Muxía Cultural
Muxía Cultural é un proxecto do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa que ten o obxectivo de consolidar unha escena cultural forte en Muxía, poñendo en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, e organizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona. A Festa do Congro foi o primeiro evento da programación de Muxía Cultural a pasada Semana Santa, seguido do Maio das Letras.
Para o verán Muxía Cultural ten preparado distintas actividades: Muxía Itinerante, un programa que levará a cultura a distintos recunchos da comarca durante os meses de xullo e agosto; a Festa do Carmen, que se celebrará a vindeira semana; e a feira mariñeira Rutas do Mar, que se celebrará os días 9 e 10 de agosto, cunha programación que se comunicará nas próximas semanas.
Máis información actualizada sobre a programación de Muxía Cultural nas súas redes sociais: https://www.instagram.com/muxiacultural/ e https://www.facebook.com/muxiacultural