Ana Miranda: “Desde o BNG criticamos esta política orzamentaria e traballaremos para poder modificala e que Galiza reciba os fondos que precisa”.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, cualificou de “escandaloso” o orzamentos da UE para o período 2028-2034 (o denominado Marco Financeiro Plurianual) presentados pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. Segundo denunciou son “tremendamente nocivos para Galiza”, especialmente polos recortes previstos para pesca e para a PAC e o gran aumento do gasto militar. Ademais, como única integrante galega da Comisión de Política de Cohesión, Miranda criticou esta proposta e alertou do risco para “mesmo para o financiamento do autogoberno”.
A eurodeputada do BNG rexeita que esta primeira proposta de orzamento comunitario quintuplique o gasto en defensa, que alcanzará os 131.000 millóns de euros, xa que “como forza internacionalista e pacifista, nunca imos apoiar que se priorice o gasto militar en lugar de dar resposta aos problemas da xente”. Así, subliña que esta política orzamentaria “non atende as necesidades dos pobos nin as necesidades de Galiza” e expresa o compromiso a traballar “para poder modificar esta política orzamentaria e que Galiza reciba os fondos que precisa”.
Neste sentido Ana Miranda critica o forte recorte que sufre o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (FEMPA), cifrado no 67% que se se confirma pasaría dos 6.108 millóns de euros para o período 2021-2027 aos 2.000 millóns no período 2021-2028. “Galiza leva sendo prexudicada desde hai anos, non podemos consentir que os novos fondos sigan prexudicando o noso sector pesqueiro e marisqueiro”, subliña.
A respecto da Política Agraria Común (PAC), a eurodeputada galega tamén expresa a súa preocupación polas cifras contempladas no documento presentado, xa que o fondo pasa dos 378.000 millóns de euros do período actual a 300.000 millóns de euros no seguinte período. “Temos unha grande preocupación sobre como se van financiar as axudas ao noso sector agrogandeiro”, indica Ana Miranda ao respecto, quen lembra ademais que se o orzamento actual é insuficiente para dar resposta aos problemas do sector en Galiza, a proposta actual afondará na crise existente.
Risco de centralización
Por outro lado, a eurodeputada do BNG alertou do risco da centralización dos fondos e da perda do autogoberno, que podería afectar a Galiza de forma notable. “Non podemos admitir esta centralización que non permitiría que Galiza xestione os seus propios cartos para sectores fundamentais”, manifestou Ana Miranda ao respecto. Neste sentido, na Comisión de Política de Cohesión, que hoxe contou coa presenza do Comisario de Cohesión, Raffaelle Fitto, Miranda criticou esta proposta que pretende darlle todo o poder aos Estados. “O BNG denuncia esa tendencia á renacionalización e centralización dos programas, baseada no modelo de execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Galiza pode ser moi penalizada e temos que pelexar para que se mude a proposta en beneficio territorial e social», subliñou.