Néstor Rego demanda ao Goberno substituír os buques con presenza de amianto por unha frota moderna e segura, así como reparar o helicóptero con base en Vigo.
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso unha iniciativa para exixir ao Goberno do Estado solucións inmediatas ante as graves deficiencias nos medios materiais das bases galegas do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA), especialmente nas de Ribadeo, Muros e na base aérea de Vigo.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta da inoperatividade de dúas embarcacións –o “Alcaraván II” e o “VA II”– após detectarse presenza de amianto, o que supón un risco evidente para a saúde do persoal. Ao mesmo tempo, denuncia que o helicóptero do SVA con base en Vigo leva máis de cinco meses en reparación, sen previsión de retorno ao servizo.
“Non é admisíbel que o Goberno pretenda substituír os buques contaminados con amianto por outros barcos tamén obsoletos e con máis de 40 anos, o que supón unha irresponsabilidade absoluta desde o punto de vista da seguridade e da eficacia do servizo” afirma Rego.
O BNG denuncia tamén que o buque Alcaraván II, con porto en Ribadeo, continúaamarrado após confirmarse a presenza estrutural de amianto, o mesmo que acontece co VA II de Muros, ambos construídos nos anos 80. No caso do VA II, súmanse ademais fallos estruturais graves, como problemas de motorización, ruídos ou emisión de fumes, o que obrigará á súa baixa no ano 2025.
Segundo informacións da propia Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira (DAVA), preténdese cubrir estas baixas con outros buques que xa superaron con creces a súa vida útil, o que foi duramente criticado tanto polos traballadores como polo BNG.
“Empregar barcos que practicamente deberían estar nun museo para realizar tarefas operativas é unha temeridade. O persoal merece medios modernos, seguros e eficaces” subliña o deputado nacionalista.
Ademais, Rego reclama ao executivo que analice todos os buques construídos antes da prohibición do uso de amianto como illante naval (ano 2002) para determinar a súa situación real e garantir a saúde do persoal embarcado, exixindo que se apliquen protocolos de vixilancia da saúde conforme á normativa vixente.
No caso do buque “Petrel”, que pasou polas bases de Vigo e A Coruña, tamén se detectou presenza de amianto, o que agrava a situación xeral da frota operativa.
Do mesmo xeito, o deputado do BNG cualifica de “inaceptábel” que o único helicóptero do SVA con base na Galiza estea fóra de servizo durante máis de cinco meses, sen previsión de regreso, deixando sen cobertura aérea a costa galega e parte da cornixa cantábrica.
Neste sentido, o BNG demanda ao Goberno do Estado a substitución inmediata dos buques da base de Ribadeo e de Muros por patrulleiras modernas, adecuadas e seguras.“Débese avaliar de forma integral todos os buques anteriores á prohibición do amianto, incluída a revisión da saúde de todo o persoal que prestou ou presta servizo neles” exixe Rego.
Do mesmo xeito, insta o executivo a reparar inmediatamente, así como reincorporar, o helicóptero con base en Vigo, esencial para as operacións na costa galega e “dotar de medios materiais e humanos axeitados para garantir a plena operatividade das bases galegas do SVA”.
“É preciso que o Goberno actúe de inmediato. A Galiza non pode seguir sendo tratada como unha periferia de segunda categoría tamén en materia de seguranza e loita contra o narcotráfico” conclúe.