O Centro de Supercomputación de Galicia incorpora un investigador do prestixioso programa Ramón y Cajal

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, recibirá a Pablo Ouro, novo investigador Ramón y Cajal do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

A Xunta leva apoiado aos centros de I+D+i galegos na contratación dos beneficiarios deste programa estatal cun investimento de máis de 8 M€ para 211 investigadores.

O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) ven de incorporar ao seu cadro de profesionais un investigador procedente de prestixioso programa Ramón y Cajal. Trátase de Pablo Ouro, quen con este motivo foi recibido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, nun encontro no que o representante da Xunta de Galicia se interesou pola liña de investigación que seguirá o científico, centrada nas enerxías renovables.

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular do departamento de Ciencia puxo en valor a traxectoria deste investigador e animouno a potenciar o seu traballo mediante a colaboración con investigadores de prestixio a nivel internacional e tamén no tecido produtivo galego”. Neste senso, Román Rodríguez salientou a importancia de “fomentar a transferencia dos seus coñecementos e da tecnoloxía empregada á industria para avanzar cara unha economía máis competitiva”.

Durante os últimos cinco anos, Pablo Ouro liderou o desenvolvemento de ferramentas de simulación a mesoscala e microscala de parques eólicos mariños, incluíndo turbinas flotantes. Será a súa principal liña de investigación agora na nosa Comunidade, xunto coa solar fotovoltaica, onde investiga os efectos do vento nas estruturas solares de seguimento dun eixo. Ademais disto, tamén supervisará a estudantes de doutoramento en colaboración con diferentes universidades como a de Manchester ou Cardiff.

Consolidar liderado do Cesga

Este investigador galego incorpórase ao Cesga para establecer unha nova liña de investigación enfocada nas enerxías renovables e na mecánica de fluídos computacionais. Tras máis de 12 anos en universidades referentes do Reino Unido como Manchester e Cardiff, e lograr captar coas súas iniciativas máis de 3,6M€, chega a Galicia para colaborar no cometido de converter o Cesga na institución líder en España e unha das máis potentes de Europa en investigación de enerxías renovables. Faino nun momento de impulso a esta entidade, un centro dependente da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en plena fase de ampliación.  

Pablo Ouro súmase ao equipo do Cesga como investigador Ramón y Cajal, un programa estatal no que a Xunta de Galicia apoia ás universidades e aos centros de coñecemento desde o 2012 para que poidan incorporar a este persoal nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada e brillante. O Goberno galego leva apoiado a 211 investigadores con máis de 8M€ como parte do seu compromiso coa captación de talento.

Comparte éste artículo
No hay comentarios