Música, cinema e poesía nun acto por Palestina na Oficina Rúa de Santiago de Compostela

Un grupo de artistas organiza un acto contra o xenocidio en Gaza e a prol da autodeterminación de Palestina

Música, cinema e poesía contra o xenocidio israelí en Gaza e a prol da autodeterminación de Palestina: ese é o resumo do acto que un grupo de artistas galegos e galegas organizan o 26 de xullo na Oficina Rúa de Santiago de Compostela (rúa San Pedro, 52). A entrada ao acto será por billeteira inversa. O recadado doarase á Axencia das Nacións Unidas para as persoas Refuxiadas de Palestina (UNRWA). O programa, que comezará ás 18:00 horas, é o seguinte:

18:00. CINEMA

Película urxente por Palestina. Alberte Pagán, 2012

Schakale und araber. Jean-Marie Straub, 2011

18:30. ENTREVISTA

Charo Lopes falará con Alberte Pagán sobre a súa experiencia na Marcha a Gaza.

19:30. POESÍA

Lectura de poemas de Mahmoud Darwish.

20:00. CONCERTOS

Võ Chí Công Ensemble

O’ Leo de Matamá

Estas son as persoas participantes:

Alberte Pagán é un dos máis importantes cineastas galegos da actualidade. Especialista en cinema experimental, autor de decenas de filmes, tamén é novelista, poeta, ensaísta e tradutor, e militante internacionalista de longa data.

Jean-Marie Straub é un cineasta francés morto en 2022 aos 89 anos. A súa obra fílmica, realizada en boa parte canda Danièle Huillet, é unha das propostas máis política e esteticamente radicais das artes do século XX.

Charo Lopes é xornalista, fotógrafa e poeta, autora dos libros De como acontece a fin do mundo (2015) e Álbum (2019).

Mahmoud Darwish (1941-2008) é o máis célebre dos poetas palestinos do século XX, nado en Al-Birwa e morto nos Estados Unidos. Existe unha antoloxía dos seus poemas traducida ao galego por Moncho Iglesias, Carné de identidade (2012).

Võ Chí Cong Ensemble é un quintento composto por Marcos Flórez (baixo e percusión), Che Garrido (saxo, frautas, percusión), Luís Garrido (saxofóns), Alexandre Losada (guitarra e percusións) e Daniel Salgado (percusión e textos) cuxa música se move entre a libre improvisación, o ruidismo e unha aproximación antiacadémica a certo jazz.

O’Leo de Matamá é un dos máis activos músicos da escena galega, ademais de poeta e actor. Na súa penúltima reinvención propón unha emocionante achega á canción de intervención desde unha óptica punk.

A Oficina Rúa é un espazo dedicado ás artes aplicadas -taller, tenda-, localizado no número 52 da rúa San Pedro de Santiago de Compostela, promovido polas artistas Xoana Almar, Miguel Peralta e Novenoel.

O acto por Palestina conta coa colaboración do Colectivo Colapso e da tenda Discos El Muelle.

Comparte éste artículo
No hay comentarios