O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que hoxe se aprobou iniciar o procedemento para renovar unha serie de tramos desgastados en distintas beirarrúas do Polígono do Ceao. En concreto, 6 treitos da rúa da Factoría, 7 na rúa da Agricultura e 5 na rúa da Industria, que suman un total de 818 metros. A Xunta de goberno celebrada hoxe aprobou iniciar o procedemento de contratación duns traballos que sairán a licitación por 96.797,74€.
O Goberno de Lugo dará unha solución baseada en formigón ruleteado. Isto presenta unha dobre vantaxe fronte ás baldosas que se van substituír, dado que o formigón ten unha maior resistencia ás cargas dos vehículos que accidentalmente podan circular por riba, e ademais precisa menor mantemento. Os traballos consistirán na demolición da capa superior de baldosas e a capa intermedia de morteiro, e na instalación dunha nova capa de formigón.