O PP alerta do mal estado da LU-P-5713 e LU-P-5701 en Sarria: «Asfalto derretido e baches»

Os deputados do Grupo Provincial Popular seguen a facerse eco das queixas dos lucenses polo mal estado da rede viaria provincial e, nesta ocasión, achegáronse ata Sarria para comprobar o estado da LU-P-5713 e da LU-P-5701, vías que presentan numerosas deficiencias, dende fochancas nas que “os veciños e usuarios cansos de danar as rodas nos baches, decidiron sinalizalos como puideron para evitar novos accidentes” ata que o asfalto está a derreterse.

Ante esta situación, dende o Grupo Provincial Popular presentarán un rogo no vindeiro pleno para que a Deputación de Lugo realice as xestións oportunas para acometer o arranxo destas vías provinciais de forma urxente, que complete a mellora da totalidade das estradas LU-P-5713 e LU-P-5701 e que tome as medidas necesarias para que as intervencións en vías provinciais se realicen coas debidas garantías de execución e acabado.

A estrada provincial LU-P-5713, que comunica Sarria coa parroquia de Piñeira, foi obxecto dunha intervención entre agosto e setembro do 2024 nun tramo de 2 quilómetros, pero á vista do resultado, 11 meses despois pode comprobarse cunha simple ollada como o firme presenta deficiencias nese mesmo treito onde se levaron a cabo as actuacións.

Un dos puntos máis perigosos presenta un burato no centro da plataforma da calzada que supón un risco para os usuarios desta vía provincial.

No caso da estrada provincial LU-P-5701, que vai a Céltigos, se rexistra o mesmo problema que en Castroverde que se derrete o asfalto da vía os días de calor producindo molestias aos vehículos ao seu paso pola zona e facéndoo case intransitable a pé.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios