O grupo municipal do BNG de Vimianzo vén de presentar unha serie de propostas enfocadas a mellorar as infraestruturas municipais, a seguridade dos peóns e a calidade de vida da veciñanza. Entre as principais demandas, os nacionalistas denunciaron o estado “lamentable” da estrada provincial CP-1603 no tramo correspondente a Cereixo, reclamando actuacións urxentes para garantir a seguridade e o bo estado desta vía fundamental para o municipio.
En materia deportiva, O BNG solicitou a creación dunha pequena cancha de fútbol e instalacións para deportes minoritarios nas proximidades do parque infantil de Vimianzo, co obxectivo de fomentar a actividade física e ofrecer máis alternativas para a mocidade.
Outro dos temas centrais foi a preocupación pola seguridade dos peóns en varios tramos das estradas municipais. Por iso, a formación nacionalista demandou a instalación de beirarrúas nos tramos que conectan O Val con Santa Comba, e Santa Irene con Torelo, para protexer aos viandantes e evitar accidentes.
Ademais, o grupo instou ao goberno local a incrementar o número de paradas do bus escolar na parroquia de Bamiro, facilitando así o transporte seguro e accesible dos escolares da zona.
No ámbito das obras públicas, o BNG denunciou deficiencias nas recentes intervencións de saneamento realizadas no lugar de Colúns, pedindo unha revisión e mellora dos traballos para garantir a súa correcta execución. En canto a tráfico e mobilidade, insistiu na necesidade de instalar sinais de limitación de velocidade e bandas sonoras no núcleo de Trasouteiro, co fin de reducir a velocidade e aumentar a seguridade vial.
Por último, o BNG solicitou a implantación dunha limitación no tempo máximo de estacionamento para vehículos non residentes nas rúas Castelao e Antonio Vázquez Mouzo. Ademais, demandou a creación de prazas reservadas para carga e descarga, así como para persoas con mobilidade reducida, coa intención de mellorar a regulación do tráfico e facilitar o acceso aos servizos.