Como novidade, este ano, os e as participantes terán que presentar o seu proxecto nunha xornada aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado.
Un ano máis, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita, convocan, a través da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), os III Premios de Investigación Epifanio Campo, unha iniciativa que pretende fomentar a investigación relacionada coa xestión e coa valorización dos residuos xerados pola actividade industrial como parte dunha economía circular que axude á protección do medio ambiente.
Tal e como se recolle nas bases do certame, as persoas solicitantes terán queestar incluídas no Catálogo de Investigación da Universidade da Coruña (UDC) como integrantes dalgún grupo de investigación ou ben como investigadores ou investigadoras individuais. Do mesmo xeito, tamén poderá participar aquel estudantado matriculado no curso 2024/25 nun programa de doutoramento na institución herculina ou aquel que realizase tarefas de investigación no marco da elaboración do seu Traballo de Fin de Grao (TFG) ou do seu Traballo de Fin de Máster (TFM) neste mesmo período e baixo a dirección de persoal investigador integrado no citado catálogo.
Para optar aos premios, ademais de achegar o proxecto de investigación a través dos correspondentes formularios, como novidade, nesta edición, tanto os distintos grupos de investigación coma os investigadores e investigadoras individuais terán que expoñelo no marco dunha xornada aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. Ao longo do evento, previsto para finais de ano, farase entrega dos III Premios de Investigación Epifanio Campo.
Con todo, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita queren facer desta xornada de presentación un lugar de encontro no que reunir aosinvestigadores e ás investigadoras que traballan na institución herculina no eido do medio ambiente, da sustentabilidade e da xestión de residuos.
Os III Premios de Investigación Epifanio Campo establecen dous galardóns dotados con 6.000 e 4.000 euros, respectivamente, para aqueles proxectos que supoñan un avance significativo na xestión e na valorización dos residuos industriais co obxectivo de acadar un desenvolvemento máis sustentable. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de setembro. Máis información enviando un correo electrónico a catedra.epifaniocampo@udc.es.
Unha Cátedra nada en 2019 e adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)
No ano 2019, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita poñen en marcha a Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e dirixida pola profesora Maripaz Mateo. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.