José Luis Calo rexeita as obras gravemente daniñas para ampliar o porto deportivo de Baiona

O coordinador UCIN Galicia, José Luis Calo, estivo en Baiona con membros da Unión de Cidadáns Independentes avaliando as obras de ampliación do porto deportivo. Comentou que trátase dunha actuación “absolutamente desproporcionada”. Mostrou o seu rexeitamento ás obras de ampliación do porto deportivo de Baiona, que inclúen a construción dun recheo de 4.200 metros cadrados, que consideran «gravemente daniño» para o medio ambiente. Segundo explican nun comunicado, o proxecto de Nauplia Capital, avalado por Portos de Galicia e do Estado, prevé ampliar a superficie do porto deportivo nun 77,7% con granito triturado e supoñerá a construción dun edificio de 900 metros cadrados con restaurante e cafetería, ademais dun aparcadoiro de 220 prazas.

Advirten, que este novo proxecto podería alterar de maneira irreversible as correntes mariñas que osixenan e manteñen o equilibrio salino do estuario, afectando directamente á dinámica sedimentaria e acelerando a deterioración da marisma. As alteracións proxectadas no litoral, de levarse a cabo sen unha avaliación ambiental rigorosa e actualizada, supoñerían un impacto engadido sobre este fráxil ecosistema, incrementando a presión sobre as praias adxacentes e afectando á posibilidade de gozar das mesmas. UCIN reclama a modernización do sistema de saneamento, a protección real e efectiva dos hábitats da Rede Natura 2000 e unha moratoria sobre calquera proxecto portuario que poida agravar aínda máis a situación sen unha avaliación de impacto exhaustiva e independente.

José Luis Calo advirte: “Só así será posible restaurar e protexer a calidade ambiental deste enclave único, en defensa da biodiversidade, o patrimonio natural e a futura salubridade das augas”, sinalan desde a formación. Esta actuación constitúe un paso máis na privatización da costa baionesa, entregada ao impacto especulativo, cun modelo de turismo para ricos que incidirá na subida dos prezos da vivenda, dos máis altos de Galicia tanto en alugueiro como en vivenda de segunda man, e a expulsión da poboación».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios