O BNG insta o Goberno español a rexeitar o acordo da UE cos Estados Unidos

O Deputado do BNG, Néstor Rego, cualifica o acordo de ‘nefasto’ para a Galiza e as clases populares dos pobos de Europa e resultado dunha actitude servil e submisa da UE con Trump.

O BNG rexistrou de urxencia unha iniciativa no Congreso instando o Goberno español a rexeitar o ‘nefasto’ acordo da Unión Europea cos EUA, por considerar que será moi negativo para os intereses económicos e comerciais da Galiza e da propia UE e que castigará aínda máis as clases populares galegas, do Estado español e de Europa, só para satisfacer os intereses do imperialismo norteamericano. O Deputado Néstor Rego considera que a única posición digna que ten o Goberno español é rexeitar o acordo.

O acordo da UE cos Estados Unidos só se pode entender, a xuízo do Deputado nacionalista “como o resultado dunha posición absolutamente submisa da Unión Europea en relación co imperialismo norteamericano, que continúa a actitude servil que xa vimos en relación co belicismo e o aumento desmedido do gasto militar e a complicidade -por acción ou por omisión- co xenocidio israelí en Gaza”.

O BNG considera que é totalmente inxustificábel aceptar unhas taxas comerciais de 15% en troca de 0% para os produtos norteamericanos, o que prexudicará notabelmente os intereses comerciais das empresas galegas e da Unión Europea, que verán reducidas as exportacións e perderán competitividade.

No entanto, resultan igual de preocupantes as addendas ao acordo, en que a UE se compromete a comprar combustíbeis fósiles aos EUA por valor de 750.000 millóns de dólares. Para alén da cantidade excepcional acordada e do contrasentido do punto de vista ambiental de traer combustíbeis de 6000 Km de distancia, estes resultarán máis caros e redundarán negativamente nos gastos de operación das empresas e, en última instancia, no encarecemento xeral dos produtos.

Aliás, está o compromiso de investimentos nos Estados Unidos por 600.000 millóns de euros, o que prexudicará a industria europea e ataca directamente as políticas de reindustrialización e de desenvolvemento industrial nos Estados da UE, por tanto tamén con impacto negativo na Galiza.

E aínda, o compromiso indeterminado de comprar armamento ao complexo militar-industrial estadounidense. “Esta decisión certifica o que viña denunciado o BNG de que o incremento do gasto militar acordado pola OTAN co apoio entusiasta da UE até 5% do PIB -mesmo que foxe só até 2%- respondía á imposición do imperialismo norteamericano expresadas directamente por Donal Trump para beneficiar a industria militar norteamericana. No entanto, irá directamente en detrimento das políticas sociais (educación, sanidade, atención á dependencia, vivenda, emprego, servizos públicos…), redundando no empeoramento da calidade de vida das clases populares. Aliás, deita directamente por terra a retórica da ‘autonomía estratéxica da UE’ que viñeron empregando para tentar xustificar un aumento brutal do gasto militar”, sinala Rego.

Para o deputado nacionalista este acordo retrata perfectamente o que representa a Unión Europea, “como estrutura ao servizo das oligarquías dos países centrais e, cada vez máis, co seu servilismo extremo, como instrumento en Europa ao servizo dos intereses norteamericanos”.

Por iso, o BNG insta o Goberno español a rexeitar o acordo. “Non serve de nada dicir que se apoia “sen entusiasmo”, como fixo Pedro Sánchez. Se é prexudicial -como é- a única posición digna é denuncialo e rexeitalo. Iso é o que reclama o BNG”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios