PP de Lugo: “O goberno local ao servizo de Besteiro para “patrimonializar” o aniversario da Muralla”

O Grupo Popular do Concello de Lugo criticou hoxe duramente ao goberno local, acusándoo de poñer as redes sociais e os canais oficiais do Concello “ao servizo do PSdeG”, en particular do seu secretario xeral, Xosé Ramón López Besteiro, e da vicesecretaria xeral, Lara Méndez. Segundo os populares, trátase dun intento “inaceptable” de “seguir manexando a institución municipal dende fóra”.

Dende o PP, consideran que este intento de “patrimonializar un fito que é de toda a cidade, e non dun só partido, nin é ético nin estético”. Lembran ademais que foi un alcalde do Partido Popular, Joaquín García Díez, quen “impulsou e liderou os trámites necesarios para conseguir esta distinción da UNESCO”, e subliñan que “sen o seu traballo, Lugo non celebraría hoxe este recoñecemento internacional”.

Os populares tamén aluden a unha “falta de interese e de acción por parte dos gobernos locais de PSOE e BNG nos últimos 25 anos”, o que consideran “unha oportunidade perdida”. Sinalan que moitos lucenses viron “como se esvaecía a ilusión e as expectativas que xerou no seu día este fito histórico”.

Por todo isto, dende o Grupo Popular esixen “respecto pola historia e pola verdade”. Conclúen que este aniversario “debe servir para unir á cidade, non para dividila con apropiacións partidarias”, e sentencian que “a Muralla de Lugo é patrimonio de todos e a súa defensa e promoción debe estar por riba de intereses políticos”.

Foto: Concello de Lugo

Comparte éste artículo
No hay comentarios