Esta instalación, que abrirá ao público todos os días en horario de 7:30 a 13:30 e de 15:00 a 20:00 horas, conta cun edificio de tenda, aseos e almacén de 100 m2 ,catro tanques soterrados de 20.000 litros, e un surtidor multiproduto de oito mangueiras. “Un proxecto que xera emprego estable, con dúas novas contratacións a tempo completo, e que se insire nun modelo de xestión pública, impulsado pola Fundación Terreo, que reinviste os beneficios no propio municipio”, valorou Miguel Fernández.
Puxo en valor Fernández Méndez, nado en Ribeira de Piquín, o traballo do Goberno local e loou a súa forma de traballar, en sintonía coa da Deputación de Lugo, “dando resposta a necesidades concretas a través dunha xestión responsable e baseada na colaboración institucional”. Enmarcou esta axuda da Deputación na cooperación cos concellos e nunha liña de traballo enfocada a garantir os servizos básicos, fixar poboación e contribuír ao desenvolvemento económico do rural. Tamén felicitou ao Alcalde polo seu exemplo á hora de facer unha política “útil desde o territorio, para a xente”.
Instalacións e servizos da nova gasolineira da Montaña
Esta estación de subministro de combustible de Barcia-Chao de Pousadoiro está situada na parcela 26 do polígono industrial, con acceso desde a estrada provincial LU-P-5404. Conta cunha superficie total de 1.414m2 nos que se encontra un pequeno edifico de 100m2 dotado con tenda, 2 aseos interiores e outro exterior e un almacén.
Conta con catro tanques soterrados de 20.000 litros de capacidade unitaria e un surtidor multiproduto de 8 mangueiras. Ademais, contará tamén cunha zona de lavado e aspiración de vehículos, con punto de subministro de auga e aire a presión.