Alfombreiro’, ‘auguista’ e ‘lubre’ entran no Dicionario da Real Academia Galega

A Coruña, luns 4 de agosto de 2025.- As voces Alfombreiro, -a, auguista e lubre xa poden consultarse no Dicionario da Real Academia Galega. O Seminario de Lexicografía acaba de incorporar a esta ferramenta en liña estas tres palabras, logo de valorar senllos pedimentos da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, o Concello de Mondariz Balneario e mais o grupo musical Luar na Lubre e Navia Franco Barreiro. O director do Dicionario, Manuel González, agradécelles a todas as partes o interese manifestado para manter actualizada esta ferramenta en liña, obra fundamental para o estudo e coñecemento da nosa lingua.

Alfombreiras de Ponteareas

Alfombreiro, -a entra no Dicionario cunha primeira acepción xeral referida a calquera persoa que fai, amaña ou vende alfombras e incorpora unha segunda que designa a quen “confecciona alfombras de carácter efémero con flores ou con outros elementos naturais, especialmente para manifestacións rituais ou relixiosas”. O exemplo que a acompaña fai mención expresa á tradición de Ponteareas, onde veciños e veciñas deseñan e danlle forma a máis dun quilómetro de alfombras que engalana o domingo de Corpus as rúas e prazas desta localidade do sur de Pontevedra. “Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración”, salienta a asociación que reúne as persoas que a fan posible. A beleza e dimensión dos mantos creados con flores, matas e arbustos converteu Ponteareas nun referente neste tipo de manifestacións que se repiten noutras partes do país, e valeulle ademais o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.

Tamén desde a comarca do Condado chegou ao Seminario de Lexicografía a proposta de incorporar ao Dicionario a voz auguista, que identifica a “persoa que toma as augas ou os baños medicinais nun balneario”. O pedimento formalizouno o Concello de Mondariz Balneario, gran vila termal na Europa de comezos do século XX e que segue a ser hoxe en día un foco fundamental do termalismo en Galicia. A localidade garda ademais unha estreita relación coa historia do galeguismo. O seu histórico Gran Hotel Balneario foi fundado en 1873 por Enrique Peinador, gran mecenas da cultura galega que acolleu destacados intelectuais. Neste espazo a Real Academia Galega celebrou en 1920 os ingresos como académicos de número Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto, e un século despois, en setembro de 2023, a entrada na institución da profesora estadounidense Kathleen March como académica de honra.

Unha ilustración de Camilo Díaz Baliño para Almas mortas de Antón Vilar Ponte, extraída dun exemplar conservado na biblioteca da RAG

Canto a lubre, o Dicionario define esta voz como “bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos”. A palabra foi recollida con anterioridade en diversos dicionarios históricos como o do académico Leandro Carré Alvarellos (1888-1976) e o de Eladio Rodríguez (1864-1949), que chegou a ser presidente da institución. Tamén a incorporou ao seu popularísimo Diccionario galego-castelán o académico de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020) a partir da súa segunda edición, saída do prelo en 1972 con máis de 42.000 voces, 5.000 máis ca na primeira, publicada catro anos antes. O Seminario de Lexicografía decidiu que lubre figure tamén no Dicionario en liña da RAG tras valorar o pedimento realizado polo líder do grupo musical Luar na Lubre, Bieito Romero, e Navia Franco Barreiro, filla de Franco Grande. 

Fotos de alfombreiros e alfombreiras de Ponteareas. O autor das fotos é Miguel A. García Correa, presidente da asociación de veciños e veciñas que realizan as alfombras do Corpus desta localidade pontevedresa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios