O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, foi hoxe o encargado de pronunciar o pregón da cuarta edición da Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios do Corgo, evento organizado pola asociación «Os cinco ríos».
Durante a súa intervención, Arias referiuse ao municipio como «un lugar de comunidade», subliñando como a unión e o empuxe dos veciños e dos colectivos sociais son o motor de desenvolvemento que fai prosperar numerosas iniciativas locais.
Neste sentido, destacou que o Mercado de Oficios «mestura estímulo económico e actividade social», e quixo agradecer publicamente o traballo altruísta dos organizadores. «A natureza foi xenerosa co Corgo, pero con ser este un elemento imprescindible para favorecer un asentamento, son os esforzos e traballos das xentes os que o fan viable», afirmou Arias, poñendo en valor o esforzo colectivo da comunidade.