A Deputación da Coruña destina 40.000 euros para apoiar os cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia

A colaboración institucional permitirá ofertar máis de 15 actividades formativas entre maio e decembro de 2025.

A deputada de  Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, e a representante da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), María Jesús Lorenzo, asinaron hoxe un convenio de cooperación polo que a institución provincial achegará 40.000 euros para cofinanciar os cursos na sede de Galicia durante o ano 2025.

Programa formativo diverso e de calidade

O programa contempla máis de 15 actividades formativas que abranguen disciplinas tan variadas como a medicina, a enoloxía, a biodiversidade, a divulgación científica, a historia, a arqueoloxía, a psicoloxía, as matemáticas, o cinema e a literatura. Entre os cursos destacados figuran:

• Actualización en asma bronquial, dirixido por Luis Domínguez Juncal (maio) 

• O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero, por Cristina Alcalá (maio) 

• Divulgación da ciencia, por Moisés Canle, catedrático da UDC (xuño-xullo) 

• Curso especializado para a avaliación e intervención en violencia de xénero (xullo) 

• Santa María – Música en tempos de Alfonso X El Sabio (agosto) 

• Memoria mergullada: arqueoloxía, patrimonio e turismo baixo o mar (setembro) 

Compromiso coa educación e a cultura

Esta subvención nominativa, incluída no Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación Provincial da Coruña 2025/2027, representa o 57,55% do orzamento total da actividade, que ascende a 69.500 euros. A achega provincial financiará gastos como honorarios de relatores, desprazamentos, aloxamento, medios técnicos e difusión das actividades.

A deputada Natividad González subliñou que «este convenio reforza o compromiso da Deputación co fomento da educación e a cultura na provincia, mantendo unha colaboración estable desde hai anos e que  achega formación de máxima calidade aos galegos e galegas».

Tradición de colaboración

A cooperación entre a Deputación da Coruña e a UIMP ten as súas raíces no convenio asinado o 10 de xullo de 1982, polo que a institución provincial vén colaborando económica e institucionalmente coas actividades docentes e culturais que a universidade desenvolve cada ano na Coruña.

As actividades realizaranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025 en diferentes sedes da provincia, incluíndo A Coruña, Santiago de Compostela, Ribeira e o Pazo de Mariñán.

Comparte éste artículo
No hay comentarios