Ciencia e tecnoloxía para reconstruír a historia: o CITEEC da Universidade da Coruña aposta pola Paleontoloxía dixital

Unha viaxe desde Galicia ata Australia para reconstruír o pasado e comprender a evolución: dous científicos galegos traballan con modelos tridimensionais de fósiles.

Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco, membros do grupo BIOpast da Universidade da Coruña e adscritos ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) estudan as características morfolóxicas que fan única a cada especie e traballan nun campo cada vez máis demandando na Paleontoloxía: a dixitalización e a creación de modelos tridimensionais de fósiles.

Blanca é paleobióloga e especialista en pequenos mamíferos fósiles e enpaleoecosistemas insulares. Analiza como responderon os lagomorfos (coellos, lebres e picas) aos cambios climáticos do pasado, co obxectivo de contribuír á conservación das especies actuais. Alejandro, pola súa parte, é paleozoólogo e está especializado no estudo taxonómico de peixes, anfibios e réptiles. A súa investigación actual céntrase na evolución do esqueleto apendicular dos crocodilos.

Co obxectivo de afondar nas súas investigacións, o pasados mes de xuño viaxaron ata o estado australiano de Queensland para revisar e dixitalizar máis de 300 ósos. Durante a súa visita ás coleccións do Queensland Museum,traballaron con esqueletos de especies extintas (Isisfordia e Australosuchus) e actuais de crocodilos australianos (Crocodylus porosus e C. johnstoni). Para este traballo, utilizaron un escáner de luz estruturada que captura a superficie dun obxecto con gran precisión e a transforma nunha malla xeométrica no ordenador. Estes datos permiten crear modelos tridimensionais sólidos, que son moi versátiles: poden empregarse en actividades de musealización e divulgación científica, pero tamén como base para novas investigacións.

Ademais, durante a súa estadía en Australia, participaron no 7º Simposio Internacional en Paleohistoloxía (ISPH) celebrado en Brisbane, que reuniu a expertos de distintas nacionalidades especializados no estudo dos tecidos óseos fosilizados. Blanca Moncunill-Solé presentou unha conferencia plenariacos seus últimos avances sobre tecidos fósiles de lagomorfos extintos e Alejandro Blanco contribuíu ao simposio cunha presentación sobre paleohistoloxía en dinosauros.

O estudo dos fósiles galegos

Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco son investigadores postdoutoraisbaixo un contrato Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Comparten unha liña de investigación enfocada no rexistro fósil do Oligoceno-Mioceno de Galicia.

En colaboración co Concello das Pontes, restauraron unha colección de máis de 60 restos fósiles atopados na antiga mina da localidade para garantir a súa preservación. Estes fósiles son os vestixios dunha antiga comunidade de animais e plantas que habitou Galicia fai un 30 millóns de anos, entre os que se atopan crocodilos, parentes extintos dos hipopótamos e plantas tropicais.

O estudo destes materiais continúa, co obxectivo de coñecer en detalle que especies eran (taxonomía), onde vivían (paleoecoloxía) e de onde procedían(paleobioxeografía). Os resultados preliminares indican que os restos de macrovertebrados desta época son practicamente descoñecidos na Península Ibérica e moi escasos en Europa, polo que os fósiles galegos poderían ter un impacto científico moi relevante.

Prácticas no equipo de Paleontoloxía do CITEEC

Dende mediados de xuño, o equipo de Blanca Moncunill-Solé e AlejandroBlanco conta cunha nova integrante: Haodan Luo, alias Linda, estudante de Xeoloxía no Carlenton College de Minnesota. Linda está a realizar as súas prácticas preprofesionais a través do convenio firmado pola Universidade da Coruña con Linguistic Horizons e permanecerá no centro ata finais de agosto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios