O PP destaca “o apoio da Xunta á Becerreá” tras dar luz verde á licitación da redacción do proxecto para o novo centro de saúde no que prevé investir 3,2M€

A construción do novo centro de saúde permitirá contar con instalacións amplas e modernas para atender aos veciños e veciñas de Becerreá e tamén de Cervantes, Pedrafita, As Nogais e Navia de Suarna que acoden ao PAC.

O PP destaca que “a Xunta deu luz verde na reunión do seu Consello da pasada semana á licitación da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Becerreá”. O Goberno galego prevé dirixir 3,2 M€ a esta nova infraestrutura dos que preto de 270.000€ se reservan para a redacción do proxecto.

O portavoz, José Fernández Carrete, destaca “este novo paso” que “demostra o apoio ao noso concello por parte da Xunta” e que permitirá contar “cun novo centro en Becerreá de máis de 2.000 metros cadrados para dar resposta á falta de espazo ante a imposibilidade de ampliación as instalacións actuais compartidas con outros servizos municipais”. 

Carrete trasladaba recentemente “distintos aspectos sobre a atención sanitaria no municipio” nunha reunión co responsable de Sanidade do Goberno galego, Antonio Gómez Caamaño, na que tamén se interesaba polo avance dos trámites para a dotación desta nova infraestrutura. 

O novo edificio contará con “novos espazos” nos que incorporará -ademais do número de consultas actuais que inclúe máis espazo para áreas como a zona de fisioterapia- unha consulta de traballo social, unha de hixienista, unha sala de técnicas, unha polivalente e unha para docencia.

Tamén está previsto incorporar para o PAC unha nova sala de observación e box para críticos, unha consulta de medicina máis que no actual centro e unha consulta de enfermería. Igualmente, melloraranse a área de radioloxía e os espazos destinados ás tarefas de xestión.

O popular lembra que o centro presta atención sanitaria no PAC tamén aos veciños dos concellos de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Navia de Suarna.

Comparte éste artículo
No hay comentarios