Alternativa dos Veciños nun comunicado amosa a súa desconformidade coa moción de censura en Fisterra, acusando a o edil da formación frentista de «traidor». «A Comisión Executiva de Alternativa dos Veciños acordou iniciar os trámites de expulsión de Francisco Martínez Traba, concelleiro tránsfuga de Fisterra que apoia unha moción de censura xunto co PP contra a actual alcaldesa. Martínez Traba actuou unilateralmente, sen contar coa dirección do partido, traicionando por completo os postulados políticos de Alternativa e a confianza depositada polos veciños e veciñas de Fisterra nas pasadas eleccións».
O PP está tomando ao asalto algúns concellos nos que persoas doutros partidos, traizoando idearios e aos seus propios votantes, lles abren as portas das alcaldías de par en par a cambio de prevendas, que nada teñen que ver cos intereses veciñais. A moción de Fisterra está promovida por persoas que formaban Alternativa dos Veciños, que elixiron a actual alcaldesa como cabeza de lista da candidatura e que tras descontros persoais e intereses diversos chegaron a xerar tal odio ata acabar nesta situación. Nada xustifica esta moción de censura.
Por hixiene democrática, o concelleiro Martínez Traba que acaba de ser expulsado de Alternativa debería entregar de inmediato a súa acta de concelleiro e non usurpar durante máis tempo un cargo que a cidadanía de Fisterra lle entregou a Alternativa dos Veciños e non a ninguén a título individual. Esta persoa é libre de non querer cumprir cos posicionamentos políticos e co programa de Alternativa, pero non de actuar baixo o amparo dunhas siglas para beneficio propio e prexuízo de Fisterra.
Alternativa é un partido con máis de 40 anos de historia, que sempre se distinguiu por practicar unha política honrada, honesta e progresista. Loitamos para construír gobernos que traballen polo ben dos municipios, non para aliñarse cos partidos responsables da destrución dos pobos, da ruína dos concellos e do saqueo das administracións públicas.
N R. Alternativa dos Veciños goberna con tres concelleiros, mentres que o PP ten cinco. PSOE dous e BNG un- O voto do concelleiro de Alternativa a prol do PP na moción de censura, sumaría,seis concelleiros, o que lle permitiría ao PP gobernar en maioría.