A delegada da Xunta acompañou aos participantes nesta actividade organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para rapaces de entre 18 e 30 anos.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitou hoxe, aos participantes do campo de voluntariado da Laracha Castro de Montes Claros, no que 15 mozas e mozos procedentes de diferentes países e de diferentes localidades de Galicia e de España, participan en traballos arqueolóxicos de delimitación e limpeza do castro e do seu entorno. Os asistentes teñen entre 18 e 30 anos e a súa estadía comezou o 4 e remata o 14 de agosto.
Durante este tempo, os voluntarios realizan a identificación de estruturas na vila fortificada; aprenden a mirar e identificar paisaxes prehistóricas; levan a cabo a limpeza de maleza e xestas e recollida de residuos en zonas escavadas; a eliminación do rebrote de árbores e arbustos, a limpeza manual de muros de pedra cortando vexetación e evitando o arrincado das raíces. O campo tamén ten un enfoque ambiental, restaurando o medio natural e a paisaxe. O proxecto consiste na localización e limpeza de afloramentos e tallas rupestres no alto do castro, poñendo en valor o rico folclore galego e a xeografía mítica das lendas prehistóricas
As voluntarias e voluntarios tamén están tomando medidas especiais para manter a biodiversidade animal e vexetal, evitando actuacións que perturben as especies nidificantes, e están sendo incentivados con respecto á necesidade por preservar e protexer sitios de interese arqueolóxico, ambiental, etnográfico e patrimonial.
Ademais, os participantes están realizando actividades complementarias de aventura, obradoiros sobre sobre flora, fauna, actividades para coñecer a vida nos castros, sobre debuxo arqueolóxico, xogos deportivos, rutas de sendeirismo pola ruta do río Anllóns, pola do río Bradoso, rutas BTT, etc, rutas arqueolóxicas e patrimoniais como visita a outros xacementos arqueolóxicos do municipio, rutas de fin de semana ao Dolmen de Dombate, Castro de Borneiro e/ou estación de arte rupestre de Corme e visitas a Santiago, Fisterra e Torre de Hércules
Durante o encontro, Belén do Campo, informou que na provincia da Coruña a Consellería Cultura, Lingua e Xuventude organiza sete campos de voluntariado nos concellos da Laracha, Outes, As Pontes, Boimorto, Vedra-Boqueixón, Coirós e A Pobra do Caramiñal.
A representante do goberno autonómico destacou que “este tipo de actividades van encamiñadas a favorecer a convivencia, a participación e a tolerancia e solidariedade entre a xuventude a través da realización de labores voluntarias en actuacións de interese social”. “Ofrecen unha maneira diferente de pasar algúns días da época estival prestando un servizo á sociedade e fomentando o intercambio cultural”, finalizou a delegada da Xunta.