O grupo BioCost, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, colabora na repoboación da himantaliaelongata, comunmente coñecida como “correa” OU “espagueti de mar”, unha alga de interese alimentario, e na definición de boas prácticas para a súa explotación.
O grupo de Bioloxía Costeira (Biocost), liderado polo investigador Javier Cremades, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, participa activamente no proxecto ALGAPROX, unha iniciativa de investigación aplicada que busca mellorar o control e a xestión sustentable das poboacións de varias especies de macroalgas en Galicia. Cofinanciado nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), o proxecto está coordinado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta de Galicia e conta coa colaboración de diversas confrarías e organizacións do sector marisqueiro.
O labor do grupo Biocost céntrase no estudo da especie Himantalia elongata,coñecida como “correa” ou “espagueti de mar”. Esta alga, de gran interese tanto ecolóxico como comercial, está en regresión polas presións derivadas do cambio climático e da sobreexplotación. O equipo da UDC desenvolve técnicas de cultivo e sementa de embrións co obxectivo de reforzar ou reintroducir nas zonas onde foi desaparecendo.
“A idea é estudar cal é a mellor maneira de explotala, en que época, como facelo e que parte recoller, para deseñar un manexo que sexa sustentable”, sinala Cremades. Ademais da repoboación, tamén se traballa en definir boas prácticas de colleita para os profesionais do sector, incorporando o coñecemento científico á xestión diaria dos recursos.
O proxecto abrangue outras especies como a sargassum muticum e a undariapinnatifida —ambas invasoras—, e a ulva clathrata, cuxa proliferación afecta aos bancos marisqueiros. A colaboración entre ciencia e sector pesqueiro busca non só conservar os ecosistemas costeiros, senón tamén asegurar o futuro económico das comunidades mariñeiras mediante a aplicación de solucións baseadas na evidencia científica e así, mellorar a rendibilidade no sector.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.