A Universidade da Coruña desenvolve ferramentas de axuda na toma de decisións nos portos da Coruña, Ferrol e Malpica

O proxecto aposta por combinar monitorización avanzada, análise dinámica de datos e intelixencia artificial para anticipar riscos e mellorar a xestión diaria dos portos

Nun contexto no que o transporte marítimo é a vía pola que circula case o 80% do comercio mundial, resulta esencial contar con portos seguros e ben xestionados. Con este obxectivo, o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), o Grupo de Redes Neuronais Artificiais e Sistemas Adaptativos (RNASA-IMEDIR) e o Grupo de Investigación Laboratorio de Enxeñaría do Software (ISLA) están a desenvolver un proxecto innovador nos portos da Coruña, Ferrol e de Malpica.

A súa proposta, financiada polos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, baséase na mellora da seguridade e a eficiencia das operación dos portos galegos mediante a xestión de ferramentas que permitan integrar os riscos operativos e a toma de decisións, combinando técnicas de monitorización avanzada e o uso de intelixencia artificial (Machine Learning).

En concreto, o equipo investigador da UDC traballa en novas metodoloxías para analizar de forma continua factores críticos, como o comportamento dos barcos durante as manobras, o estado dos sistemas de amarre e variables oceánicas e meteorolóxicas como correntes, ondada, vento, néboa ou chuvias. As técnicas avanzadas de intelixencia artificial permitirán procesar toda esta información para poder anticipar posibles problemas e optimizar a toma de decisións.

O traballo está a desenvolverse nos tres portos e no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña. A día de hoxe a súa implementación máis completa e ambiciosa está a realizarse no Porto Exterior da Coruña. Non obstante, os avances están sendo exportados a outras localizacións, como o Porto de Ferrol e o de Malpica, ademais de poder ser replicados noutros portos nacionais e internacionais, convertendo a Galicia nun referente na xestión portuaria.

A investigación, liderada por Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico, conta cun equipo investigador formado por expertos da enxeñaría portuaria e informática, que colaboran coas autoridades dos portos mencionados e xunto a 28 institucións e empresas de todo o mundo. O estudo comezou en setembro de 2024 e espérase que finalice en agosto de 2027.

Comparte éste artículo
No hay comentarios