A Xunta colabora coa ruta solidaria que convocan en Lugo Amigos do Camiño e a Garda Civil a favor de Alume

A Xunta de Galicia colabora na segunda ruta solidaria organizada pola Asociación Provincial de Amigos do Camiño de Santiago e a Garda Civil, que se celebrará o 28 de setembro e nesta ocasión recadará fondos para a entidade Alume Saúde Mental.

A Delegación Territorial de Lugo acolleu esta mañá o acto de presentación, no que participaron o delegado territorial, Javier Arias; o presidente da asociación xacobea, Ángel Trabada; os representantes da Garda Civil de Lugo Jesús Montaña e Carlos Freire, e o presidente de Alume, Manuel Fernández.

A ruta discorrerá polos 10 quilómetros do Camiño Primitivo que separan Bascuas do centro de Lugo. Os participantes reuniranse ás 9,00 horas na praza de Bretaña, desde onde sairán en autobús ata o inicio do percorrido. As inscricións poden realizarse antes do 22 de setembro, aboando 10 euros na conta bancaria da asociación -ES70 2080 0163 8930 4006 5919-.

Tamén se pode colaborar mercando un “Dorsal 0” por 7 euros, que non implica participar na actividade. Os organizadores convocaron esta ruta solidaria por primeira vez o pasado ano e lograron recadar 4.000 euros para a asociación ASPNAIS.

Comparte éste artículo
No hay comentarios