Os vehículos teñen que circular a velocidades anormalmente reducidas porque o firme está desfeito practicamente na súa totalidade acumulando unha sucesión de fochancas, grava e pedras soltas
“Intransitable é como se atopa a estrada provincial LU-P-4707, na Pobra do Brollón”, segundo explican os deputados do Partido Popular Antonio Ameijide e Héctor Corujo despois de comprobar o seu estado acompañados polo portavoz do PP no municipio, Teddy López.
De feito, sinalan que “a circulación por esta estrada de titularidade da Deputación de Lugo, máis que incómoda, é moi dificultosa para os vehículos que se vén obrigados a circular a velocidades anormalmente reducidas” porque o firme está desfeito practicamente na súa totalidade acumulando unha sucesión de fochancas, grava e pedras soltas.
Así, o portavoz provincial do Partido Popular esixe ao goberno de PSOE e BNG a “tomar medidas de forma inmediata” porque “as estradas provinciais non poden estar neste lamentable e perigoso estado”.
Os populares explican que “as condicións da vía dificultan a comunicación dos veciños desta zona” da Pobra do Brollón entre as parroquias de Saa (Lebrón e Covadelas) e Ferreiros (A Veneira de Roques).
Ademais, tal e como explica Teddy López, “esta é a estrada que dá acceso á capela de San Vitoiro onde, en menos de tres semanas, o 27 de agosto, se celebra a romaría do municipio”, un dos principais eventos anuais do concello da Pobra do Brollón e unha cita moi querida polos veciños e veciñas. Pero, “ante o estado desta estrada, moitos xa nos teñen trasladado que este ano non teñen previsto asistir polo mal estado da vía provincial”.
O portavoz do PP local pregúntase se o alcalde fixo algunha xestión para que o goberno provincial de PSOE e BNG acondicione debidamente esta e o resto de estradas da Deputación no concello.
IMAXE DE ABANDONO E IGUALDADE DE TRATO
Ameijide condena, tamén, que “esta imaxe de abandono das vías provinciais sexa a que traslade do goberno de PSOE e BNG sobre a nosa provincia ás persoas que nos visitan este verán”.
Os deputados do Partido Popular inciden, ademais, en reclamar “igualdade de trato” entre tódolos veciños e veciñas: xa sexa á hora de repartir os fondos da Deputación a través de convenios con tódolos concellos da provincia, establecendo as mesmas condicións e prezos en tódalas residencias da Deputación ou mantendo en bo estado todas as estradas provinciais.
O portavoz popular lembra que estas vías no concello veciño de Monforte, onde goberna o presidente da Deputación, José Tomé, “se atopan en perfecto estado de revista” polo que reclama “o mesmo trato para A Pobra do Brollón” porque “non podemos permitir que Tomé diferencie entre veciños de primeira e veciños de segunda”.