O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que a asistencia médica no centro de saúde de Navia de Suarna está garantida, mesmo durante o verán. Así o manifestou nunha reunión con representantes do PP local, onde garantiu que se están a facer todos os esforzos posibles para cubrir a praza vacante de médico con persoal fixo.
Caamaño subliñou que a praza non será eliminada. Explicou que a Xunta está a xestionar o plan de verán, optimizando os recursos dispoñibles para manter a atención en todo o territorio, malia a escaseza de facultativos de Atención Primaria e as vacacións do persoal.
Os responsables autonómicos lembraron que a falta de profesionais sanitarios é un problema a nivel nacional, e que a súa solución correspóndelle ao Ministerio de Sanidade. Non obstante, a Xunta afirma estar a impulsar medidas para cubrir postos de «difícil cobertura», como é o caso de Navia de Suarna.
Ademais, aseguraron que os usuarios do centro de saúde están a conseguir cita médica para o mesmo día ou para o seguinte, desmentindo así unha suposta «falta de atención» que, segundo eles, non existe.