A plataforma Chantada Quere Sanidade denuncia a grave situación que atravesa a sanidade na comarca. Con tan só tres médicos e unha pediatra operativos dos seis que deberían estar no Centro de Saúde de Chantada, a atención está colapsada. Este persoal insuficiente debe atender a unha poboación que supera as 8.000 persoas, cifra que aumenta considerablemente durante o verán coa chegada de turistas e emigrantes.
A falta de cobertura por xubilacións, baixas ou vacacións, xa denunciada ante a Valedora do Pobo, tamén afecta ao Puntos de Atención Continuada (PAC), que en ocasións queda sen servizo.
Condicións extremas e colapso hospitalario
A esta situación súmanse as condicións laborais e sanitarias extremas. Nas consultas do primeiro andar do Centro de Saúde estanse a rexistrar temperaturas de máis de 28 °C, xa que o edificio carece de sistemas de climatización adecuados. Unha situación que a plataforma considera un risco para pacientes e profesionais, especialmente para os máis vulnerables.
A plataforma tamén alerta sobre o colapso nas urxencias do Hospital Comarcal de Monforte, que se ve agravado polo peche da planta de Especialidades durante o verán. Esta decisión aumenta a carga de traballo do hospital, que recibe un gran volume de pacientes derivados desde a Atención Primaria ao non poder conseguir unha cita no seu centro de saúde.
Petición de solucións urxentes
Ante esta crise, Chantada Quere Sanidade esixe solucións inmediatas para garantir unha sanidade pública de calidade na comarca. As súas demandas inclúen:
- Cobertura inmediata de baixas, xubilacións e vacacións en Atención Primaria.
- Dotación dun segundo equipo no PAC.
- Reforzo do hospital comarcal con máis especialistas.
- Implementación urxente do Servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO), prometido pola Xunta e os concellos, pero que aínda non está dispoñible en Chantada, a diferenza doutras zonas da provincia.