Máis de noventa creadoras e creadores inscritos amosarán as súas obras e porán á venda as súas novidades neste festival Autobán, que, ademais, contará con obradoiros, sesións de DJ’s, música en vivo, presentacións ultrarrápidas e o seu célebre Combate de Debuxantes
O festival coruñés de fanzines e cómic autoeditado Autobán regresa esta semana para celebrar a súa 11ª edición. A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove esta nova edición da cita, que conta cun cartel firmado polo debuxante e historietista Luis Yang –gañador do I Premio Autobán 2023-2024– e que repite localizacións no Circo de Artesáns e na Praza de San Andrés durante dúas completas xornadas, o venres 15 e o sábado 16 de agosto.
Máis de noventa creadoras e creadores inscritos amosarán as súas obras e porán á venda as súas novidades neste festival Autobán, que, ademais, contará con obradoiros, sesións de DJ’s, música en vivo, presentacións ultrarrápidas e o seu célebre Combate de Debuxantes.
Ademais, no marco do festival Viñetas desde o Atlántico, Autobán organiza a mostra ‘Expofanzines Autobán’, onde o público poderá ver e ler, do 11 de agosto ao 21 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, as obras presentadas neste 2025 ao II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.
A Asociación Autobán conta cunha nova presidenta, Uxía L’arrosa, debuxante con máis dunha década de traxectoria as súas costas, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2022 xunto a Luis Yang coa súa obra ‘O bico da serea’.
A información completa da nova edición de Autobán e as súas actividades no marco do Viñetas desde o Atlántico 2025, que inclúen, tamén, un posto na Rúa da BD, sinaturas dos gañadores do I e o II Premio Autobán, un Obradoiro de fanzine con María Macía en Palexco, o martes 12 de agosto, ás 12.00h, e un Concerto ilustrado, o xoves 14, ás 21.00h, no Teatro Colón, da banda Hombre Tigre, debuxado en directo por nabel Colazo e Raquel Montero, pode consultarse na páxona web da Asociación Autobán: www.autoban.gal.
SOBRE UXÍA L’ARROSA, NOVA PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN AUTOBÁN
Nacida na Coruña o 26 de maio de 1993. Entre 2011 e 2014 estuda o grao en Belas Artes da Universidade de Barcelona. Posteriormente cursa na Universidade Pompeu Fabra un máster en Cine e Audiovisual Contemporáneo. Durante os seus estudos sempre foi facendo cómics e participando en fanzines. Desde que rematou de estudar en 2019 ata 2024 traballou como deseñadora gráfica e foi compaxinando este traballo coa súa faceta de debuxante e guionista. Actualmente preside a asociación Autobán e dedícase exclusivamente a debuxar e dar clases de cómic.
En xuño de 2022 gañou xunto con Luis Yan o Premio Castelao de Banda Deseñada coa súa obra O Bico da Serea, do que é guionista. Este cómic traduciuse ao español como El Beso de la Sirena e foi editado por La Cúpula a finais de setembro de 2024. En marzo de 2025 recibiu a Mención ao Talento Xove da editorial Finestres por un proxecto no que está traballando actualmente, titulado El Despreniment (O Desprendemento), que será publicado en catalán por esta mesma editorial en setembro de 2026.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN
En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.