Javier Arias: O vicepresidente da Deputación de Lugo «minte» sobre o pavillón do Breogán para «alimentar o odio» contra a Xunta

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, respondeu hoxe ás declaracións do vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, acusándoo de «mentir» e de tentar «enganar aos afeccionados do Breogán» para atacar a Xunta. Arias asegura que na reunión de outubro de 2024, tras a suspensión dun partido, «en ningún momento» se abordou a posibilidade de construír un novo pavillón.

Segundo Arias, no encontro, no que participaron representantes da Xunta, Deputación, Concello e o CB Breogán, o consenso foi «centrarse no pavillón actual» e estudar a súa mellora e ampliación. O delegado reitera a vontade da Xunta de colaborar neste proxecto e lamenta que Castro agora «alimente o odio» con «declaracións totalmente falsas».

Deslealdade institucional e apoio da Xunta

Arias lembra que a única nota de prensa emitida tras a reunión foi consensuada por todos os participantes e non mencionaba a construción dun novo pavillón. O delegado acusa a Efrén Castro de «deslealdade institucional evidente» e de tentar facer política dun asunto que el mesmo pedira non politizar.

O delegado destacou que a Xunta sempre apoiou ao club, con convenios de patrocinio coa Axencia de Turismo de Galicia e coa Consellería do Mar. Ademais, Arias contrapuxo a xestión da Deputación, que considera que abandonou o Pazo, co compromiso da Xunta con outras instalacións deportivas. Puxo como exemplo o estadio Anxo Carro, no que o Goberno autonómico está a investir 3,6 millóns de euros para a súa reforma.

Finalmente, Arias instou á Deputación a promover un acordo conxunto entre as administracións para mellorar o Pazo, «na liña do que vimos de acadar a Xunta e o Concello de Sarria» para o campo de fútbol da Ribela, onde a Xunta achegará máis de 500.000 euros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios