-O portavoz do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, cualificou hoxe ao alcalde, o socialista Fran Cajoto, de «carroñeiro político» por atribuírse os méritos da aprobación do estudo de impacto ambiental para a dragaxe do porto de Foz.
Castiñeira asegura que o rexedor «fixo o contrario: atrasar totalmente os trámites» cando o expediente pasou polo Concello e polo Goberno central. Segundo o popular, o balón «estivo no seu tellado» e foi aí onde sufriu o maior atraso.
O portavoz do PP sinala que foi a asociación de mariñeiros A Ribeira e o Partido Popular quen se interesou por axilizar o proceso unha vez o expediente regresou á Xunta de Galicia, tanto en Portos de Galicia como na Consellería de Medio Ambiente.
Próximos pasos e melloras
Javier Castiñeira manifestou a súa satisfacción pola consecución da xestión, pero critica que o alcalde se «congratule» dun «feito carroñeiro político de intentar comer unha peza que el non cazou».
Dende o PP agardan que a dragaxe se licite canto antes, xa que a obra é un investimento importante para Foz. Unha vez se inicie, o obxectivo é seguir adiante co «proxecto de mellora da dársena do porto Chico», unha petición da asociación A Ribeira.